O CB Breogán dedicará o partido do mércores no Pazo a visibilizar a labor de Cogami

O CB Breogán dedicará o encontro do vindeiro mércores no Pazo dos Deportes (Breogán-Baskonia, 19.00 horas) a visibilizar a labor de Cogami Lugo

A iniciativa presentouse esta mañá no Pazo de San Marcos nun acto no que participaron o deputado de Deportes, Efrén Castro, o responsable da área social do Breogán, Salva Arco, Jose Luis Lolo, presidente de Cogami Lugo, e Juan Gude Vila, director do Centro de Recursos para a Discapacidade de Fingoi.

No marco desta colaboración, un grupo de persoas usuarias de Cogami animará ao Breogán nas gradas o vindeiro mércores e o club celeste empregará os seus perfís en redes sociais para visibilizar a labor da entidade, dedicada á defensa dos dereitos e á plena inclusión das persoas con capacidades diferentes en todos os ámbitos da sociedade.

O deputado de Deportes Efrén Castro valorou a disposición do CB Breogán a participar nestas accións que contribúen a dar voz, protagonismo e recoñecemento as entidades que traballan no ámbito social” e “a traxectoria de Cogami no traballo a prol da inclusión”

Juan Gude Vila explicou o funcionamento e servizos que ofrecen no centro de Fingoi, con diferentes actividades orientadas a favorecer a autonomía das persoas usuarias, desde rehabilitación en fisioterapia, logopedia e terapia ocupacional, ata obradoiros culturais de pintura, teatro e música.

O responsable de Cogami valorou a “importancia da visibilidade e destas accións de colaboración para avanzar na normalización e na participación plena das persoas con capacidades diferentes en todas as actividades sociais”.

Salva Arco, pola súa banda, loubou a ampla traxectoria de Cogami onde, apuntou, “sabemos que temos moitos seguidores entre as persoas usuarias” e brindou “a colaboración do CB Breogán para seguir participando e ampliando a participación neste tipo de accións”.

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.