O Concello de Vilalba estuda a creación do Consello Municipal da Participación Moza e Infantil

O Concello de Vilalba está a estudar a creación dun espazo de participación para a mocidade e a infancia, unha canle directa para a implicación da veciñanza máis nova nos asuntos da localidade

O Consello Municipal da Participación Moza e Infantil nacería como un órgano consultivo para articular e canalizar a participación de nenas, nenos e mocidade, facilitando un espazo para a proposición de ideas, o debate e a posta en práctica da cidadanía activa.

O goberno local valora positivamente a creación deste foro de participación que estaría integrado por representantes elixidos desde os propios centros educativos para actuar como interlocutores e interlocutoras ante unha institución pública como o concello. Deste xeito, tamén se fomentaría o acordo e o consenso entre os grupos, así como a autonomía e a toma de decisións.

“Sempre escoitamos as aportacións que se nos fan, tamén as críticas construtivas, pero debemos facilitar a implicación dos máis novos e novas, que comecen a responsabilizarse da vida en comunidade e a organizarse, porque son o futuro”.

Neste senso, desde o concello están a artellar fórmulas para nutrir a vida municipal de distintas perspectivas para que “aprendamos a poñer ao servizo da nosa sociedade o potencial individual e colectivo, para establecer un diálogo directo e tamén para comprender o funcionamento da vida municipal”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.