O PSdeG chama ao acordo “para acadar un sistema de financiamento o máis equitativo e redistributivo posible”

A deputada Begoña Rodríguez Rumbo critica a política fiscal da Xunta que rebaixa impostos ás rendas máis altas ao tempo que “deteriora” os servizos públicos

A voceira de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, chamou hoxe ao acordo “para acadar un sistema de financiamento o máis equitativo posible para que todas as comunidades poidan garantir os seus servizos públicos”, como a educación pública, a sanidade pública ou servizos sociais, entre outras cuestións.

Fíxoo, hoxe, trala comparecencia do senador socialista e profesor de Economía Aplicada da USC, Xoaquín Fernández Leicega, no Parlamento de Galicia, dentro das comparecencias previstas na comisión especial para abordar a proposta da comunidade autónoma de Galicia delante da reforma do sistema de financiación.

A deputada socialista valorou positivamente que o goberno de España asuma o “compromiso” de reformar o sistema de financiación autonómica, pero incidiu na “necesidade” de que as comunidades autónomas, “dende a súa propia autonomía fiscal”, aborden o incremento de tributos “para dispor dunha recadación máis importante” e financiar “axeitadamente” os servizos públicos.

Neste sentido, a socialista criticou a política fiscal da Xunta que rebaixa impostos ás rendas máis altas ao tempo que “deteriora” os servizos públicos. Así, censurou a “tendencia” por parte do goberno galego de “deteriorarlos”, en vez de “reforzalos”, xa que “non aplica os recursos que precisa o sistema para dar resposta ás necesidades actuais da poboación”.

Xoaquín Fernández Leiceaga

Pola súa banda, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga, chamado a proposta do Grupo Socialista a comparecer, defendeu, ante a Cámara galega, “a continuidade do modelo actual nos seus esquemas básicos”, malia que “con concrecións e melloras que permitan que cumpra mellor as súas funcións”.

Neste marco, sinalou que o “esquema vixente está ben estruturado en relación aos valores básicos que debe ter”, xa que “permite exercer a autonomía política e, con imperfeccións, favorece á equidade do sistema”.

“Hai outros modelos posibles, como o estadounidense”, pero, incidiu, “aí cada pau aguanta a súa vela e non existe un esquema federal de nivelación que permita que se teña capacidade similar de atender ás necesidades da poboación”, polo que “con carácter xeral” este sistema “é un erro político e económico que non leva a ningún sitio”.

Así, incidiu en que en España existen “desigualdades territoriais moi marcadas” e “partimos de realidades moi diferentes”, polo que un fondo de nivelación “é imprescindible” no modelo “para amortecer” as desigualdades existentes no país.

“Só desta forma garantimos que exista unha autonomía efectiva para aquelas comunidades autónomas que teñan unha renda per cápita inferior, como é o caso de Galicia ou Andalucía”, incidiu, “cunhas capacidades tributarias moi inferiores á media”.

Ao fío disto, sinalou que as comunidades autónomas “se tivesen que facer fronte en solitario ás demandas da súa cidadanía, terían enormes dificultades para cubrir un nivel básico e, polo tanto, a súa autonomía para establecer políticas propias de gasto discrecionais sería moi reducida”.

Con todo, o socialista urxiu un “reforzamento necesario” da consideración da dispersión e o avellentamento, xa que son dúas cuestións “claves” para Galicia na reforma do modelo.

Por último, o dirixente socialista destacou a importancia de “revisar” os impostos de sucesión, dación e patrimonio, xa que “teñen unha regulación obsoleta” e “isto debería formar parte do acordo de financiamento autonómico para adecualo ao mundo de hoxe”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.