Pablo Arangüena censura que a Xunta vaia gastar case 20.000 € na instalación dun cruceiro en Miami

Arangüena pregunta en que vai contribuír esta iniciativa para atender as inxentes necesidades sociais, económicas ou sanitarias da comunidade galega no exterior

O deputado do PSdeG Pablo Arangüena preguntou hoxe “en que vai contribuír para atender necesidades da comunidade galega no exterior” o proxecto para instalar un cruceiro en Miami, financiado con case 20.000 euros pola Xunta de Galicia.

Fíxoo na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia, durante a comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, a quen lle pediu explicacións sobre a utilidade que vai ter esta iniciativa para solucionar ás demandas sociais, sanitarias ou económicas dos galegos e galegas residentes no estranxeiro, que son “inxentes”. Ao mesmo tempo, tamén quixo saber que relación que vai ter este elevado gasto nunha escultura co cumprimento dos obxectivos da Estratexia galega de acción exterior.

A instalación deste cruceiro é, precisamente, un exemplo paradigmático da falta de criterio e de transparencia con respecto á execución, os custes e o grao de cumprimento dos obxectivos da propia Estratexia. Nesta liña, Pablo Arangüena lamentou que a propia comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea “non serviu absolutamente para nada” e estivo moi lonxe de ser “esclarecedora e ilustrativa”, xa que non se fixo “ningún tipo de valoración” sobre as actividades desenvolvidas, “tal e como pide a letra e o espírito da lei”.

Así, lamentou que non se achegase ningún dato concreto sobre a repercusión e a relación entre os gastos e beneficios das accións realizadas o ano pasado no estranxeiro polos altos cargos do goberno galego. “O que nos contou”, censurou Arangüena, “foi unha relación de viaxes de Feijoo, dos conselleiros e dos directores xerais, pero non valorou cal foi a repercusión de cada unha desas viaxes e así non ten ningún sentido”.

Por iso, o deputado do PSdeG instou á Xunta a presentar no Parlamento un informe detallado no que, ademais dunha mera relación de actividades, se poña en relación o seu custe e o seu beneficio e se determine a súa aliñación cos obxectivos recollidos na Estratexia galega de acción exterior.

Ao fío disto, lembrou que o propio documento recolle que debe haber unha avaliación anual dos logros acadados e do grao de cumprimento dos obxectivos, pero esa información “non aparece por ningún lado” e, ademais, tampouco existen indicadores para medir como se usan os recursos públicos. De feito, dende 2018, non existe información anual ao respecto e, polo tanto, estamos ante “un documento baleiro e a comparecencia de hoxe non nos vale para nada”, sinalou Arangüena.

Finalmente, o parlamentario do PSdeG preguntou se se vai reformar a Estratexia galega de acción exterior tendo en conta que xa se dá unha das condicións estipuladas para facelo. Así, lembrou que o ano pasado xa se produciu unha contracción do PIB galego en máis dun 2 por cento, que é un dos escenarios que contempla a propia Estratexia para a súa reforma.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.