‘Pensamento científico e xénero’, unha mirada á realidade da práctica profesional das mulleres científicas

As xornadas científicas, que terán lugar entre o 13 e o 15 de xaneiro no Pazo de Mariñán e no Muncyt da Coruña, abordarán a perspectiva de xénero e ciencia nas aulas, realidade laboral e teito de cristal, e o enfoque na comunicación científica

Crear vínculos entre a actividade científica e a sociedade en xeral é o obxectivo principal das xornadas ‘A luz da ciencia’, un programa de divulgación que a área de Patrimonio, dirixida polo deputado Xose Lois Penas, puxo en marcha no 2021 e que continúa con novas citas neste 2022. A primeira destas citas ten como tema principal ‘O pensamento científico e o xénero’ e terá lugar entre o xoves e o sábado desta semana -13, 14 e 15 de xaneiro- no Pazo de Mariñán e no Muncyt da Coruña. As sesións tamén serán retransmitidas en streaming a través da canle de YouTube da Deputación.

 “Sempre dicimos que a perspectiva de xénero debe ser transversal a toda a acción política da Deputación e en consecuencia estamos realizando un traballo constante para facelo realidade, ben sexa directamente desde a área de Igualdade, ben desde outras áreas e a través de factores moi diversos, como a introdución de criterios de xénero nas convocatorias públicas ou creando foros de debate e reflexión como este” asegura Xosé Lois Penas.

O deputado fai fincapé en que á hora de deseñar as xornadas se tiveron en conta “mulleres profesionais que están en activo e que neste momento son referentes en si mesmas no traballo científico, cada unha delas nun ámbito diferente”. Neste sentido, fai mención especial aos proxectos de divulgación científica que protagonizarán a terceira das sesións e salienta “o papel fundamental que teñen na construción social de referentes femininos no ámbito das disciplinas científicas, onde tan só o 30% de investigadores e científicos son mulleres”.

Así, na sesión dedicada a divulgación científica participarán Paula Otero, que ademais de ser ela mesma investigadora predoutoral na USC, puxo en marcha o portal ‘Ciencia e tal’ e unha iniciativa na plataforma Twitch que realiza xunto co seu compañeiro Iván Varela; e ‘CiMUS Podcast’, un programa de entrevistas a investigadores do centro no que, cando é posible, tamén colaboran asociacións de pacientes. Na mesma sesión, tamén participará a xornalista científica, Maite Vence, fundadora e directora de OBSERVER® ScienceTourism, a primeira certificación en Turismo Científico a nivel internacional baseada na promoción, xestión e planificación de destinos turísticos vinculados á ciencia.

‘Pensamento científico e xénero’ tamén contará contará coa participación de Mireia Colom e Susaina figuera  da Fundació catalana per a la recerca i la innovació; e María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García, e Zulema Varela Río, todas elas investigadoras de Investigal, a Rede Galega de Investigadoras.

A asistencia presencial ás xornadas é de balde, mais será preciso realizar inscrición previa a través do formulario.

Programa e relatoras

Xoves 13 de xaneiro. Pazo de Mariñán. 18:00 horas

“Didáctica das ciencias experimentais”

  • Contidos: Análise da didáctica das ciencias experimentais e a segregación nas formacións científicas. Educación CTIM ( Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Tratamento da perspectiva de xénero e a ciencia nas aulas. Reflexión sobre a necesidade de fomentar a vocación científica e a importancia da visibilización das mulleres na ciencia e a procura de referentes.
  • Relatoras: Mireia Colom e Susaina figuera (Fundació catalana per a la recerca i la innovació)

Venres 14 de xaneiro. Pazo de Mariñán. 18:00 horas

“Ciencia, investigación e xénero”

  • Contidos: Revisión lexislativa. A Lei Ángeles Alvariño. Análise da perspectiva de xénero na ciencia e na investigación científica. Visualización das realidades laborais, teito de cristal, fendas, etc. Efecto Matilda e campaña #NOMOREMATILDA. O papel dos medidos de comunicación.
  • Relatoras da Rede galega de investigadoras : María de la Fuente Freire, científica galega especialista en nanotecnoloxía; Elena Lendoiro Belío,investigadora posdoutoral; Vanessa Valdiglesias García, bióloga, recoñecida como Mellor Investigadora Xove de Europa pola Sociedade Europea de Xenómica e Mutaxénese Ambiental; Zulema Varela Río, bióloga, máster en enxeñería ambiental, tese de doutoramento en ecotoxicoloxía

Sábado 15 de xaneiro. Muncyt. 11:30 horas

“Divulgación, comunicación científica  e xénero”

  • Contidos: a fenda de xénero na divulgación científica e nas persoas consumidoras de ciencia. Hai fenda de xénero entre as consumidoras e consumidores deste tipo de contidos? Medidas que contribúan a rachar esta situación de desigualdade.
  • Relatoras: Maite Vence de OBSERVER, Isa Loureiro, ilustradora e Paula Otero Sánchez, científica do grupo de investigación xenomas e enfermidade e como divulgadora, autora do espazo “ciencia e tal”

Ligazón para consulta de currículos das relatoras

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.