Podemos Galicia pídelle a Feijóo que se una ao Goberno e “esixa medidas contra a exclusión financeira ás persoas maiores”

Gómez Reino: «Apostalo todo polos caixeiros é apostar pola exclusión»

Podemos Galicia pediu este venres a Feijóo que se una á posición do Goberno para esixir ás entidades bancarias medidas contra a exclusión financeira que están a sufrir as persoas maiores, principalmente derivada do peche de oficinas bancarias e a dixitalización dos servizos.

Neste sentido, o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, denunciou que «O único que fixo o presidente da Xunta foi repartir unha axuda millonaria a Abanca para a instalación de caixeiros, a mesma entidade que estaba a protagonizar os peches». «As galegas pagaron cos seus petos o rescate das caixas galegas, e agora Feijóo non lles pode asegurar o acceso aos servizos bancarios. Apostalo todo polos caixeiros, é apostar pola exclusión», engade.

«É unha grande problemática con graves repercusións no tecido económico e social. A dixitalización debería ser unha garantía de inclusión, pero a falta de empatía e de recoñecemento de distintas realidades que afectan ás persoas, como é o caso da idade, están provocando que os procesos dixitais acaben por excluír a moitas persoas.»

Por exemplo, no ano 2008 en Galicia existían 2.534 oficinas bancarias e en marzo de 2021 o número reduciuse ata as 1.190 segundo datos do IDEGA. Tendo en conta os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), isto tradúcese en que 45 dos 313 municipios galegos (onde residen unhas 50.000 persoas) perden todas as súas oficinas bancarias e outros 114 só dispoñen dunha sucursal.

Desde o Congreso Gómez Reino solicitou ao Ministerio de Asuntos Económicos medidas para cada un dos municipios afectados no rural galego, unha situación «inxusta» que repercute de maneira negativa o día a día de miles de familias en Galicia. Insiste na necesidade dun compromiso total de todas as administracións para garantir o acceso aos servizos bancarios, escoitando as demandas destes grupos que xa se están mobilizando ante a discriminación por parte dos bancos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.