Pontevedra continúa a celebrar a festa do atletismo neste inicio de ano co IV Torneo de Reis

Máis de 400 atletas das catro provincias galegas, principalmente de categorías base, participarán nesta competición, que contará coa presenza de varios dos nosos mellores deportistas

A pesar do sobreesforzo organizativo motivado pola pandemia, o Club Atletismo Rías Baixas logrou sacar adiante por cuarto ano consecutivo, co patrocinio da Concellería de Deportes, o xa tradicional Torneo de Reis. A competición, na que tamén colaboran as firmas Grupo Jim Sports e Dibay Eventos e a Federación Galega de Atletismo, celebrarase nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e contará coa participación de máis de 400 atletas procedentes das catro provincias galegas (202 mozos e 198 mozas), a meirande parte deles de categorías base.

Entre eles figurarán varios dos mellores deportistas de Galicia en distancias como o 200 e 800 metros, con nomes propios como os de Cristina Garrido, Lucía Ferrer, Alberto Pérez, Jacobo Soler, Cristian Montecelo ou Jemal Samson, así como o de Xela Martínez, a mellor do mundo en categoría sub 16, que fará o seu debut en 2022. “Aínda que competirán deportistas de elite, o principal obxectivo deste Torneo de Reis é que desfruten os nenos e nenas”, matiza o presidente do Club Atletismo Rías Baixas, Gonzalo Méndez, quen asegura que “disporemos dun protocolo ríxido que imos cumprir entre as 10:00 e as 14:00 horas”.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, salienta “a elevada contribución da canteira do Atletismo Rías Baixas a este evento, no que tomarán parte 70 rapaces do club organizador, que ano pasado apenas tiña unha vintena de atletas e cuxo proxecto non para de crecer en tódolos sentidos desde a súa fundación”.

Entre as disciplinas atléticas das que poderá gozar o público asistente (permitirase ata completar aforo) inclúense salto de lonxitude, lanzamento de disco e 50, 60, 80, 200, 300, 800, 1.000 e 1.500 metros.

Para poder participar, os atletas inscritos deberán amosar o certificado de vacinación Covid ou achegar un certificado de test de antíxenos ou PCR negativo cunha antelación máxima de 72 horas á celebración da proba, ou ben un certificado médico conforme se superou a infección por Covid-19 nun período comprendido entre os 11 e os 180 días anteriores. Os menores de 12 anos sen vacinar teñen que asinar unha declaración responsable.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.