Queixas reclama un novo mapa educativo en Culleredo “coa ampliación dos estudos da ESO no rural”

Salientou que o novo centro educativo no concello, descargaría a masificación dos centros de secundaria na zona urbana e respectaría os dereitos de equidade e igualdade no acceso á educación

A deputada do BNG, Mercedes Queixas reclamou ao goberno “un novo mapa educativo en Culleredo coa ampliación dos estudos da ESO no rural” para dar resposta as demandas ante o incremento de poboación do concello. Por outra banda,  asegurou que o futuro centro educativo descargaría de “maneira notable” a masificación dos centros educativos de secundaria actuais na zona urbana, IES Blanco Amor e IES Rego da Trabe.

A parlamentaria nacionalista lamentou que os votos en contra do Partido Popular impediran que prospera a iniciativa do BNG que reclamaba ampliar unha oferta educativa para un concello con 30.758 habitantes e con previsións de crecemento. Un concello, dixo, de 61,3 km cunha oferta educativa para ESO concentrada nun radio de 0,3 km. “Unha distribución excéntrica que se converte nunha anomalía e un desequilibrio para o acceso ao sistema educativo”.

Mercedes Queixas explicou que  mentres os rapaces do urbano rematan  de xantar, “os nosos están chegando a casa”. Os nenos e nenas do rural deben  viaxar 1 hora dende a súa casa ao instituto, e outra hora para volver. O alumnado próximo ao instituto érguese ás 7:30hs para asistir as aulas ás 8.30 fronte o alumnado do rural que debe atravesar o concello en bus polo afastamento dos IES.

A xuízo da deputada, estas circunstancias constitúen “un agravio comparativo” acrecentado nos últimos anos polo aumento demográfico e insistiu que a demanda dunha maior oferta educativa da ESO garante “a equidade, igualdade de dereitos e oportunidades e contribúe a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación”. Para a nacionalista, o voto en contra do Partido popular “incumpre o mandato da lexislación educativa” destinada a garantir estes dereitos e amosa “unha postura hipócrita e contraditoria” cando defende publicamente a fixación de poboación no medio rural e ao tempo, nega un centro educativo como reclaman as AMPAS e avalan máis de mil sinaturas.

Ademais, aludiu á aprobación unánime dun acordo en pleno no Concello de Culleredo en decembro de 2019 asumindo “por unanimidade” a proposta das familias para ampliar a oferta educativa da ESO no rural do concello e mostrou a súa disposición a poñer á disposición da Xunta “os terreos necesarios para facelo posíbel”. Ao que tamén  sumou que a propia inspectora de Educación, responsable da zona, recoñecera a necesidade de actualizar o mapa escolar de Culleredo e inicialo antes do 1 de marzo, data da entrada en vigor da nova planificación xeral de Culleredo.

Por todas estas razóns, dixo,  entendemos que cómpre activar unha mesa de traballo entre as diferentes administracións responsábeis e a veciñanza, baixo a coordinación da Xunta de Galicia, para “trazar un novo mapa educativo en Culleredo”, que contemple a ampliación dos estudos de ESO no rural, desde criterios de igualdade e equidade no acceso á educación obrigatoria, con planificación ad futurum e conforme o medre poboacional”.

A parlamentaria do BNG lamentou que o Partido popular rexeitara a proposta e acusou á Xunta de seguir defendendo “unha planificación educativa obsoleta” e desoíndo as demandas da veciñanza e o acordo unánime do concello.

Queixas preguntou cal é o compromiso do goberno coa educación e se vai continuar na liña de bloquear a oferta educativa pública para favorecer a oferta privada. «Agora que tanto se fala de Next Generation: como queremos educar a xeración galega?» preguntou.

“Se a Xunta bloquea a ampliación da oferta educativa en Culleredo, tamén bloquea o medre das parroquias rurais do concello de Culleredo. Ruralízate? Como? Sen servizos?” concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.