Rego defende o rescate de Alu Ibérica na Coruña

Reclama a intervención pública e a implicación das administracións para garantir a continuidade da planta e da totalidade  dos postos de traballo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén unha reunión co Comité de empresa da planta de Alu Ibérica co obxectivo de analizar conxuntamente a situación da planta e as alternativas. Durante a xuntanza, Rego avanza a nova ofensiva institucional que levará a cabo o BNG -no Concello da Coruña, Parlamento Galego e Congreso- para conseguir que as administracións se impliquen para garantir a continuidade da actividade da planta e os postos de traballo, a comezar polo Ministerio de Industria coa intervención pública da empresa.

Rego, estivo acompañado por unha delegación do BNG coa presenza da deputada no Parlamento de Galiza, Mercedes Queixas, e o voceiro do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera. Pola súa banda, o comité de empresa contou cunha representación nutrida, encabezada polo seu presidente, Juan Carlos López Corbacho. Na reunión, ambas partes intercambiaron pareceres e constataron a coincidencia en que a única solución fiábel garantir a continuidade da actividade da planta é o rescate por parte de SEPI.

Tanto o BNG como o Comité de empresa partillaron a necesidade de reactivar a planta, así como garantir a continuidade da totalidade do postos de traballo que aínda se manteñen “mesmo coa potencialidade que ten para o aumento do cadro de persoal” ao tratase dun sector estratéxico como o aluminio.

“Sería unha irresponsabilidade por parte do Goberno central e o Goberno galego abandonar este sector e, nesa medida, o BNG redobrará os seus esforzos para reclamar en todas as institucións unha posición activa para garantir a continuidade da actividade e do emprego” explica o deputado do BNG. Rego avanza que demandará, como fixo en anteriores ocasións, ao Ministerio de Industria a intervención da planta. “A SEPI ten que facerse cargo da planta aínda que sexa de maneira temporal para pór en marcha un plan de viabilidade para que continúe a actividade e a totalidade dos postos de traballo” enfatiza.

En opinión do deputado nacionalista, non existe ningunha solución “aceptábel” que pase por prescindir do cadro de persoal. “Hai solucións mais a Administración pública ten que estar disposta a facer o que ten que facer” subliña Rego referíndose ao rescate da empresa. “Non entendemos que se rescaten empresas ao longo e largo do Estado español, desde compañías aéreas até discotecas como Pachá e non haxa a posibilidade de rescatar unha empresa de futuro como Aluibérica na Coruña” denuncia Rego.

Contra a especulación cos activos da planta

O presidente do Comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, comparte a necesidade da intervención temporal mais tamén asume que “calquera proxecto industrial que veña á empresa e non conte co cadro de persoal actual é un proxecto que vén a especular cos activos da planta” sinala . Na actualidade, os activos de Alu Ibérica na Coruña pasan dos 200 millóns de euros contra unha débeda de 20 millóns.

“Cremos que temos todos os condimentos para que aquí se cociñe unha entrada da SEPI puntual para rescatar a planta e preparar esa saída industrial, facéndoo de maneira sostíbel” apunta. López conclúe denfendendo o futuro do sector e da planta da Coruña: “hai traballadores en ERTE e en concurso de acredores, cunhas instalacións que, calquera inversión que se faga é sen risco porque existen suficientes activos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.