Renovado o lousado das instalacións de Radio Taxi no parque de Frigsa de Lugo

Rubén Arroxo: «Seguimos avanzando na renovación da imaxe das infraestruturas municipais da contorna do parque de Frigsa»

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron as instalacións de Radio Taxi no parque de Frigsa, onde o Goberno de Lugo está a renovar o lousado da edificación. Arroxo explicou que «con esta intervención seguimos avanzando na renovación da imaxe das infraestruturas municipais da contorna do parque de Frigsa ao mesmo tempo que melloramos a calidade das instalacións do servizo municipal de taxis».

Rubén Arroxo explicou que «desde a concellería de Infraestruturas realizamos nestes anos unha serie de intervencións destinadas a mellorar as instalacións da contorna de Frigsa», e destacou «a renovación do exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, unha actuación executada durante o 2020 que foi moi demandada tanto polos colectivos culturais que fan uso das instalacións como das usuarias e usuarios do parque de Frigsa e que durante o 2021 permitiu realizar unha gran cantidade de actividades no exterior do auditorio».

O Tenente Alcalde lembrou que se están a executar os traballos de instalación de novo alumeado público na zona exterior do museo. Arroxo explicou que «continuamos a avanzar na mellora da accesibilidade da zona, eliminando unha zona escura da cidade e mellorando o acceso ao museo».

Con esta actuación, o Goberno de Lugo instalará 23 novas luminarias LED, de 53W, avanzando na instalación de luminarias de baixo consumo en todas as instalacións da rede de alumeado público de Lugo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.