Rodríguez Rumbo chama á Xunta a clarexar “por qué non executou 70 millóns de euros en axudas directas destinadas a pemes e autónomos”

Cuestiona a “eficacia” na xestión dos fondos por parte do goberno galego e urxe á Xunta a abordar a cuestión nunha mesa de negociación cos axentes implicados

A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, chamou hoxe á Xunta a clarexar por que non executou 70 millóns de euros en axudas destinadas a pemes e autónomos procedentes do fondo de 234 millóns de euros que o goberno do Estado achegou a Galicia para este fin, tal e como recoñeceu a conselleira de Emprego no último Pleno celebrado na Cámara galega.

“Todo fai prever que non se executaron por algunha ineficacia na xestión” por parte do goberno galego, denunciou a dirixente socialista quen incidiu na “importancia” deste paquete de axudas que fora previsto por parte do Executivo central para paliar a “parálise” da actividade durante a pandemia que “prexudicou” a moitos sectores e, especialmente, a comercio, turismo, hostalaría, ocio ou cultura.

Ao fío disto, a socialista censurou que no último dos plans de rescate aprobados, publicado no mes de outubro de 2021, do orzamento de 234 millóns de euros destinados a Galicia, “quedaban sen executar o 54% do total dos fondos xa transferidos á nosa comunidade autónoma”, o que ascendía a 134 millóns de euros.

“Queremos saber cales son as razóns polas que 70 millóns de euros poden estar en risco e non van chegar a pemes e autónomos que o necesitan”, sentenciou a socialista tras urxir ao goberno galego a poñerse en contacto co goberno do Estado para chegar a un acordo con respecto aos fondos non executados.

Por último, a socialista pediu ao goberno galego que aborde tamén a cuestión nunha mesa de negociación na que estean representadas persoas autónomas, sindicatos, profesionais e empresas afectadas pola covid para arbitrar “as medidas que sexan necesarias” para que se poida chegar ao 100% da execución destes fondos. “Non podemos permitir que se perdan”, subliñou Rodríguez Rumbo, xa que “estamos a falar de 70 millóns de euros”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.