Un convenio para promocionar o Mexillón de Galicia e mellorar o seu recoñecemento e os seus prezos

A conselleira do Mar e a presidenta do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia asinaron un convenio para a promoción e mellora da comercialización deste produto

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, Lina Solla, asinaron hoxe un convenio de colaboración no eido da promoción e mellora da comercialización do produto certificado co obxectivo de impulsar o seu recoñecemento por parte da cidadanía e favorecer o aumento tanto da demanda como dos prezos deste molusco.

Esta colaboración vai estar vixente ata o 30 de decembro deste ano e conta cunha aportación por parte da Xunta de Galicia de 149.000 euros, cofinanciada co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), á que se engaden outros 149.000 euros aportados polo Consello Regulador. Con ese orzamento desenvolveranse distintas accións de promoción e difusión da calidade do mexillón de Galicia para favorecer a mellora do sector acuícola e das industrias relacionadas en materias como a comercialización, a promoción e o consumo de produtos certificados.

Entre as accións previstas inclúense actividades de promoción do mexillón en distintos eventos coa finalidade de dar a coñecer a variedade de formatos nos que se pode atopar (fresco, en conserva, cocido, conxelado ou pasteurizado, entre outros) e os beneficios que ten o seu consumo. Trátase de enxalzar o valor engadido deste produto, da máxima calidade, co obxectivo de que poida acadar mellores prezos no mercado xa que agora se sitúa nunha media inferior aos 0,5 euros o quilo.

Outras das actuacións incluídas na colaboración teñen como obxectivo robustecer o proceso de certificación da DOP Mexillón de Galicia con accións como a mellora do software que garante a rastrexabilidade dos produtos, as súas características e a súa certificación baixo o selo DOP Mexillón de Galicia. O obxectivo é poder apoiar a mellora dos niveis de produto certificado por parte desta entidade, xa que a media anual acada tan só o 15% do total do mexillón producido, caendo ata un 3% no caso do produto fresco, que é o de maior volume de vendas.

O convenio tamén atende á necesidade de promocionar o produto entre o conxunto da cidadanía e por iso recolle ademais actividades como degustacións nas prazas de abastos das cidades galegas, nalgúns eventos deportivos fóra da comunidade e en recintos deportivos ao aire libre. Ao mesmo tempo o Consello Regulador realizará distintas actuacións para dar a coñecer a entidade e difundir a súa imaxe -a través dos medios de comunicación e de accións de identidade corporativa- tanto entre o sector como entre o conxunto da sociedade para que sexa unha marca recoñecida e asociable directamente á produción de mexillón en Galicia.

Neste sentido, o convenio incide na importancia de difundir o labor do Consello Regulador e as garantías que ofrece a certificación da DOP tanto entre os consumidores como entre posibles compradores. De feito, na actualidade arredor do 40% do mexillón producido de Galicia -máis de 230.000 toneladas en 2020- ten como destino a industria transformadora de produtos do mar, mentres que o 60% restante se comercializa en fresco. Mentres, no caso da produción amparada polo selo da DOP Mexillón de Galicia, máis do 80% vai a parar ao sector transformador e o 20% restante comercialízase en fresco.

Este tipo de colaboracións contribúen a impulsar o sector e a mellorar a produción e os resultados dos produtores especialmente nun momento no que a actividade se ve condicionada en boa medida pola alerta sanitaria pola covid-19, como xa ocorreu nos dous anos anteriores. Por iso, o convenio pretende impulsar a promoción do mexillón certificado para que aumente a súa presenza nos mercados e acade mellores prezos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.