Unidas Podemos pide ao Goberno medidas para “evitar a fragmentación irregular dos parques eólicos”

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En  Comú  Podem-Galicia en Común presentou unha pregunta ao Goberno relativa ás medidas contra a fragmentación irregular de proxectos eólicos para eludir o control ambiental do Ministerio de Transición Ecolóxica

Na actualidade cada vez é máis común a presentación de proxectos  fragmentados para a instalación de parques eólicos, de maneira que o conxunto de aeroxeradores non supera os 50 MW. Con esta estratexia, as empresas evitan as condicións e restricións interpostas polo Goberno. O que buscan estas entidades é «limitar o alcance e adecuación das análises de impactos ao evitar o estudo dos impactos sinérxicos ou acumulativos destes proxectos sobre o territorio», sinala o documento xa rexistrado no Congreso dos Deputados.

É o caso do parque eólico de Meirama, o cal Naturgy dividiu en dous para facilitar a tramitación por parte da Xunta de Galicia, algo do que a formación xa se fixo eco no Congreso. «Necesitamos medidas para evitar que os intereses privados sigan poñendo en perigo a nosa natureza. Ante a invasión eólica no noso país, pedimos responsabilidade e compromiso para protexer ás comunidades e á riqueza paisaxística», sinalou o deputado por Galicia en Común, Antón Gómez Reino.

Tamén alegou que Galicia é a Comunidade Autónoma con menor superficie protexida de España e unha das rexións máis desprotexidas de toda a Unión Europea. Isto, xunto ao interese de Feijóo de apostar por eses proxectos industriais, favorecen a sobrecarga de parques eólicos. De feito, superouse o obxectivo do 74% de produción renovable estipulado para o ano 2030 polo Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima. «Os parques aséntanse en zonas que deberían estar protexidas. Cremos nas enerxías renovables pero se son xustas para todas», subliñou.

Pola súa banda, o coordinador federal de Alianza Verde, Juantxo López de Uralde sinalou que «A implantación de renovables é moi necesaria, pero, tal e como aprobamos na lei de cambio climático debe facerse respectando o patrimonio natural e a biodiversidade. É algo que non debemos esquecer para que a transición enerxética sexa xusta, pero tamén rápida».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.