Valentín González Formoso compromete o apoio do PSdeG aos traballadores de Alu Ibérica na Coruña e reclama “implicación de Xunta e Industria para salvar a planta”

O líder dos socialistas galegos lembra que a goberno galego ten competencias plenas en materia de industria e considera que «como país non nos podemos permitir perder esta factoría»

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, urxiu hoxe á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Industria “poñan enriba da mesa solucións” para garantir a viabilidade da factoría de Alu Ibérica na Coruña e “unha resposta global aos traballadores e traballadoras da planta”.

Así o manifestou tras manter unha xuntanza co Comité de Empresa da fábrica, na que lamentou a situación de “incertezas absolutas e de falta de compromiso e de claridade que están a vivir os traballadores e traballadoras de Alu Ibérica dende hai varios anos”.

Tras comprometer o seu apoio ao persoal da fábrica, o secretario xeral dos socialistas galegos remarcou que “como país non nos podemos permitir perder esta factoría”, nun contexto mundial de esgotamento das materias primas e de restricións comerciais a nivel internacional”. En consecuencia, “agora máis que nunca evidénciase que precisamos ter capacidade produtiva no eido do aluminio e das materias primas”.

Con este obxectivo, Valentín González Formoso propuxo traballar de maneira complementaria en varias frontes. Por unha banda, no referido á consecución dun prezo da enerxía “que sexa sostible para a produción e que lle dea viabilidade á planta”. Por outra, avogou pola busca dun inversor que por fin sexa “solvente e serio”. Sobre todo, “despois de ter pasado por aí todo tipo de persoeiros e de sociedades que menos intentar reflotar Alu Ibérica pensaron noutro tipo de beneficios”.

Por iso, insistiu en que “tanto  a Xunta, con competencias absolutas en materia de industria, e o Ministerio, que se incorporou a este expediente dende o principio e que puxo enriba da mesa posibles solucións, se impliquen para “darlles luz nun senso ou noutro aos traballadores”.

En calquera caso, reclamou “o compromiso de dicirlles á verdade e o compromiso de que a factoría se salve da mellor maneira posible pensando non só na plantilla senón no propio país”.  Nesta liña, Valentín González Formoso sinalou que “chegou o punto, cada vez con menos tempo, de deixar de venderlles motos aos traballadores e traballadoras”.

“Hai que deixar de agasarlles os oídos co que queren escoitar”, resaltou, porque a factoría atópase nunha situación “moi difícil e complexa para resolver” cunha empresa “que non se quere marchar da xestión da sociedade e que está agora mesmo xudicializada penalmente na Audiencia Nacional con denuncias cara Alcoa e os actuais xestores e nun concurso de acredores que loxicamente incorpora un elemento de dificultade á resolución deste expediente”.

Na reunión, ademais de Valentín González Formoso, participaron o secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas; o secretario de Emprego do PSdeG, Pedro Blanco Lobeiras; o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, Juan Carlos López Corbacho (de CC.OO); e Manuel Longo Otero, da UGT.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.