Xa están dispoñibles para escoita os poemas musicados do proxecto “Mulleres na memoria” (Vídeo)

As pezas dos lucenses Hit the Beat, Olalla Caamaño, Paloma Suanzes, Carlos Díaz, Los Zorros e Clave de Fado xa se poden escoitar en Spotify, YouTube, Itunes e Amazon Music

Xa están dispoñibles para escoita os poemas musicados do proxecto “Mulleres na memoria”, organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa colaboración da área de Cultura da USC, en memoria das mulleres represaliadas e asasinadas polo franquismo.

Abrigueiro Estudios encargouse da produción e gravación dos temas, con letras do poemario de Claudio Rodríguez Fer “Ámote Vermella” (Xerais, 2009) musicadas e interpretadas por bandas e músicos lucenses. As pezas presentáronse nun concerto o pasado mes de outubro na Casa do Saber e agora difúndense a través das plataformas dixitais Spotify, YouTube, Itunes e Amazon Music para chegar a todo o público.

A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, destaca a “selección dos poemas e a calidade sobresaínte da musicación, que dá sentido á proposta realizada aos grupos e que pon en valor o talento que temos na provincia”. Nesta liña agradece “o compromiso dos artistas coa memoria histórica desde unha perspectiva de xénero máis necesaria que nunca, visibilizando unha realidade agochada e esquecida por un relato distorsionado da nosa historia”.

Seis temas

“A Juana Capdevielle”

O grupo lucense Hit the Beat puxo música ao poema “A Juana Capdevielle” sobre a arquiveira e bibliotecaria Juana Capdevielle,  pioneira en campos intelectuais ligados á pedagoxía e asasinada en agosto do 36 en Rábade.

“Un tranvía chamado Urania”

A compositora e cantante Olalla Caamaño, vocalista de grupos de música alternativa como Musel ou Las Palmeras e recoñecida como unha das mellores voces da escena galega, musicou  “Un tranvía chamado Urania”,  poema dedicado á profesora de piano e solfeo Urania Mella, moi implicada na defensa dos dereitos das mulleres, comezando moi cedo a ensinar e ler ás mulleres do barrio de Lavadores, en Vigo.

“Mulleres libres no monte”

De Iria Estévez e Gonzalo Piña, membros fundadores do grupo lugués Clave de Fado, saíu a música para “Mulleres libres no monte”, un canto a todas as mulleres perseguidas polo franquismo polas súas ideas de cambio e progreso.

“E aínda lle chaman comunista”

O grupo Los Zorros, cunha traxectoria ligada ás influencias do jazz, soul, folk,country e rock&roll, compuxo un tema sobre o poema “E aínda lle chaman comunista”, en memoria de Consuelo Alonso, vendedora de xornais en Monforte de Lemos fusilada  en maio do 38.

“As tres mapoulas de Montecubeiro”

A cantautora folk Paloma Suanzes encargouse de musicar , poema escrito en memoria da traballadora Virxinia Meilán Varela e das mozas Carmen Sarille Lenceiro e Manuela Graña Rico, asasinadas en Montecubeiro, en Castroverde, en agosto do 37.

“Meu amor”

As cancións con versos de Carlos Rodríguez Fer súmase o tema “Meu amor”,  gravado de novo tras publicarse por primeira vez no cd “Músicas na memoria” (2007) incluído o proxecto Nomes e Voces.  Trátase dun tema con letra baseada na correspondencia entre os pais da poeta Luz Pozo Garza (1922-2020) e con música de Carlos Díaz.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.