4 maio de 2022, a data na que a UVigo elixirá novo reitor e representantes no Claustro

Mª  del Carmen Echevarría Figueroa

A comunidade universitaria elixirá a quen será o seu próximo reitor ou reitora o vindeiro día 4 de maio de 2022,a mesma data na que se celebrarán as eleccións a representantes no Claustro Universitario. Os membros do Consello de Goberno da UVigo aprobaron, na sesión ordinaria celebrada este martes, o calendario das eleccións a representantes no Claustro, o mesmo do proceso de eleccións a reitor, cuxa convocatoria confirmou Manuel Reigosa neste mesmo punto da sesión do Consello. O calendario para ambas as dúas citas electorais aprobado hoxe, arrancará o 18 de febreiro coa publicación dos censos provisionais e finalizará o 11 de maio coa proclamación definitiva de resultados. Entre medias, do 14 ao 18 de marzo fixouse o prazo establecido para a presentación de candidaturas, que serán proclamadas definitivamente o 5 de abril. Do 19 de abril ao 2 de maio desenvolverase a campaña electoral, á que seguirá o día 3 a xornada de reflexión, o día 4 de maio terá lugar a votación e o 5 de maio a proclamación provisional de resultados, que serán definitivos o 11 de maio. “Hoxe sae a convocatoria de eleccións a reitor e a Claustro co mesmo calendario e non houbo adianto. Estamos en prazo”, dixo Reigosa despois da aprobación por asentimento do punto da orde do día.

A sesión ordinaria celebrada este martes comezou co informe do reitor, que Manuel Reigosa aproveitou para trasladar a súa preocupación, así como as accións que o equipo de goberno está a desenvolver para minimizar o impacto da reforma laboral nos contratos de investigación. “A reforma laboral intenta que haxa emprego de máis calidade, pero ás universidades suponnos un problema porque tiramos de contratos de obra e servizo que se eliminan”, insistiu o reitor, que demandou unha excepción na Ley de la Ciencia para a contratación de persoal investigador. “Estamos buscando solución que permitan seguir traballando, pero a día de hoxe, só podemos facer contratos ata o 30 de marzo por un máximo de seis meses”, explicou o reitor, que avanzou que esta semana terá lugar unha reunión cos investigadores e investigadoras principais dos proxectos para comunicarlles como está a situación e o que desde o equipo de goberno está a facer.
Así comezaba unha sesión, na que, por outra banda, os membros do órgano de goberno da UVigo aproban, entre outras cuestións, que o máximo de horas de docencia o vindeiro curso quede establecido en 270, fronte as 280 do actual; así como engadir un artigo máis ao Regulamento de persoal investigador visitante para que este poida impartir docencia.

Conta atrás para as novenas eleccións a reitor e Claustro na UVigo

Coa aprobación este martes en Consello de Goberno do calendario das eleccións a representantes de Claustro, e da confirmación por parte de Manuel Reigosa da convocatoria de eleccións a reitor, ponse en marcha o proceso polo que a comunidade universitaria elixirá  por novena vez o seu reitor e os e as integrantes do máximo órgano de representación e control da institución académica.

Despois da súa elección como reitor o 23 de abril de 2018, Manuel Reigosa volverá a concorrer ao cargo, logo de ser proclamado por aclamación, o pasado mes de novembro, candidato de H2040. Caso de non confirmarse a presentación de outras candidaturas alternativas, Reigosa concorrería en solitario a uns comicios nos que, segundo aparece recollido no último inciso do artigo 8.2º dos Estatutos da UVigo, que entraron en vigor en febreiro de 2019, “no caso de candidatura única, esta ten que conseguir maior número de votos a favor ca en contra”. Unha circunstancia que non se produciu no ano 2014 cando  Salustiano Mato se presentou en solitario a unhas eleccións nas que se rexistrou unha porcentaxe de participación do 8,6% e nas que se emitiron 908 votos en branco, 751 para a candidatura de Mato e 291 nulos. Pola súa banda, o artigo 50.3 do Regulamento electoral  indica que: «proclamarase reitor/a, en primeira volta, a persoa candidata que acade o apoio proporcional de máis da metade dos votos validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes, sen ter en conta os votos en branco para o devandito cómputo». En canto ás ponderacións dos votos para a elección de reitor ou reitora esta é do 51% no caso do profesorado doutor con vinculación permanente á universidade; 25% estudantado; 15% PAS e 9% o restante persoal docente e investigador.

Hai case catro anos Manuel Reigosa foi elixido reitor da Universidade de Vigo con máis do 57% dos votos, fronte ao 42% acadado polo candidato de Ideas que Suman, Emilio Fernández. Na xornada electoral do 23 de abril de 2018 emitíronse un total de 4477 votos (4351 deles válidos), dos cales 2534 foron para H2040 e 1685 para Ideas que Suman, impoñéndose a candidatura de Reigosa en todos os sectores, cunha ampla diferencia principalmente entre o alumnado. Unha vez ponderado o voto, o resultado deixara unha porcentaxe total de votos do 57.55 % para Reigosa e 42.45 % para Emilio Fernández. Así, Reigosa obtivo 1163 votos ponderados entre o PDI-A, fronte aos 988 de Fernández; 226 fronte a 153 en PDI-B; 779 fronte a 486 en alumnado e 259 fronte a 162 entre o PAS.

Caso de ser reelixido no cargo o vindeiro 4 de maio, Manuel Reigosa converterase no terceiro reitor en repetir dous mandatos consecutivos, como xa ocorreu no caso de Domingo Docampo (1998-2006) e de Salustiano Mato (2010-2018).

O máximo de horas de docencia pasará o próximo curso de 280 a 270 horas 

Unha das novidades ás que hoxe deu luz verde o Consello de Goberno establece que nas normas de dedicación e recoñecementos docentes de profesorado para o vindeiro curso 2022-2023, o máximo de docencia pasará das 280h horas actuais a 270, que se reducirán a 260 no caso do profesorado que teña cumpridos 63 ou máis anos no momento de iniciarse o curso. “O noso compromiso cando chegamos ao goberno era pasar dun máximo de dedicación docente de 320 a 280 horas no primeiro POD que fixéramos, e cumprimos ese compromiso, e tamén dixemos que non perdíamos de vista a redución ata as 240 horas, que considerábamos que era o máximo que debía impartir un PDI. Tras rematar de pór en marcha algunhas medidas ás que tamén nos comprometemos e que tiveron un custe económico elevado, como era o pago íntegro do complemento específico das pagas extras ou a baleirado das bolsas de acreditados, agora temos capacidade, dentro da masa salarial para comezar a cumprir ese obxectivo das 240 horas de xeito progresivo, xa que tamén supón un custe elevado”, detalla o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos. Neste sentido, o reitor insistiu en que “240 debe ser a cargar docente máxima e pouco a pouso se pode ir facendo. Nós non deixaremos unha pataca quente a quen veña nos próximos catro anos”, sinalou Reigosa.

Neste mesmo punto da orde do día, outra novidade destacada, acordada no seu día coa representación sindical dos e das traballadoras, é dar un primeiro sinal de redución de dedicación máxima por idade, de xeito que o profesorado maior, poida dedicar máis tempo ao relevo xeracional, formando ás e aos novos docentes que se incorporen. “É un sinal, o inicio dunha política na que seguramente haxa que incidir nos próximos anos, se é que así o decide o goberno que saia das urnas dentro duns meses. En concreto, todo aquel profesorado que teña cumpridos 63 ou máis anos ao principio do curso 22/23 terá un máximo de docencia de 260 horas”, explica Ramos, que enumera outros axustes menores introducidos na normativa como é o recoñecemento como actividade de goberno da pertenza aos Consellos de Campus, ou axuste do recoñecemento da Valedoría Universitaria para adaptala á recollida no seu regulamento aprobado hai uns meses no Claustro.

Así mesmo, na sesión de hoxe aprobouse a convocatoria de concesión de anos sabáticos para o vindeiro curso, que reproduce a do ano pasado, que se actualizara incluíndo os novos sexenios de transferencia e modificando algún criterio. En canto aos criterios de elaboración da Programación Docente Anual (PDA) para o curso 2022/2023, hoxe aprobáronse algunhas modificación como o recoñecemento na bolsa de horas aos centros que son sedes do PUM en Ourense e Pontevedra, tras a aprobación hai uns meses da adscrición do PUM a centros concretos neses campus, ou o recoñecemento como titulacións adicionais os títulos de grao que se imparten en inglés.

Polo que respecta a o teito de horas destinadas a actividades de xestión e apoio nos centros e campus para 22/23, Ramos destaca que “levaba tempo conxelado, e o ano pasado decidimos facer un esforzo de incremento durante dous anos para aumentar 500 horas. O ano pasado incrementáronse 250 horas e este ano increméntanse outras 250”, explica o vicerreitor.

Modificacións no regulamento de persoal investigador visitante

Os membros do Consello de Goberno aprobaron hoxe engadir un artigo máis ao Regulamento de persoal investigador visitante para que este poida impartir docencia. “Ata agora non estaba contemplado, pero a chegada dos Margarita Salas (estes contratos novos da convocatoria de recualificación) fíxonos plantexarnos incorporalos. Estes son doutores de outras universidades e os seus contratos contemplan unha estadía de dous anos na UVigo. Neste caso para que puideran dispor de todas as facilidades da Universidade de Vigo decidimos que se rexistraran como investigadores e investigadoras visitantes. Logo eles solicitaron poder impartir docencia e por iso plantexamos este cambio”, detalla a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio.

O novo artigo, o 12, que se engade ao regulamento recolle o seguinte texto: “O persoal investigador visitante posdoutoral, que permaneza na Universidade de Vigo por períodos iguais ou superiores a 3 meses poderá, de xeito optativo, colaborar en tarefas docentes, sempre en cando respecte as condicións do contrato ou status do seu centro de orixe. O máximo de docencia permitido será de 30 h anuais, ou ben a parte proporcional cando o período de estadía sexa inferior a un ano. As horas de colaboración en docencia do persoal investigador incorporaranse aos planes de organización docente dos Departamentos, sen que poidan dar lugar, en ningún caso, a redución de docencia do persoal docente do mesmo”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.