A Laracha presentará unha queixa ao Ministerio de Transición Ecolóxica polo retraso nos pagamentos das axudas para eficiencia enerxética

Tras máis dun ano desde que concluíron as actuacións, están pendentes de abono máis de 900.000 euros adiantados polo Concello

O Concello da Laracha trasladará unha queixa formal ao Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), ao Ministerio de Transición Ecológica do que depende dita entidade pública e tamén á Delegación do Goberno en Galicia ante o retraso no abono das subvencións concedidas para a execución dos proxectos de mellora de eficiencia enerxética.

No ano 2017, o Concello concorreu ás convocatorias de axudas do IDAE para proxectos singulares promovidos por entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Presentáranse cinco proxectos dirixidos a substituír a iluminación pública antiga por outras lámpadas con tecnoloxía LED e de maior eficiencia enerxética nos núcleos urbanos, núcleos rurais, parque empresarial, edificios municipais e instalacións deportivas. O orzamento total ascendeu a 1,2 millóns de euros, dos cales o IDAE financiaría o 80 %. O Concello debía realizar o procedemento de contratación, asumir o 20 % restante do presuposto e, ademais, adiantar a totalidade dos pagos ás empresas adxudicatarias. Toda a contratación, execución e pago dos cinco proxectos foi xa completada polo Concello en xaneiro de 2021.

Un ano despois de concluírse ditas actuacións, aínda non foi liberado ningún pagamento das axudas do IDAE, polo que o Concello ten pendente de cobro os 905.784,06 euros que tivera que adiantar previamente procedentes de fondos municipais. Esta circunstancia implicará consecuencias relevantes no resultado orzamentario municipal do exercicio pasado, xa que o peche das contas arroxará un menor remanente de tesourería e o Concello non poderá dispoñer deses fondos para acometer obras e prestar novos servizos de interese xeral para a cidadanía.

Desde o Concello remitirase a queixa formal ante a previsión de que o retraso no ingreso das axudas concedidas se prolongue aínda máis dado que dos cinco proxectos -cuxa execución está concluída hai máis de un ano-, por parte do IDAE só un deles está na fase final da xustificación e mesmo en dous nin sequera abriu a posibilidade de que o Concello presente a xustificación da realización da contratación.

A reclamación tamén se remitirá á Delegación do Goberno en Galicia despois de que o alcalde, José Manuel López Varela, nun encontro celebrado na Laracha a mediados do mes de decembro, solicitase a mediación da Subdelegada do Goberno, María Rivas,  na procura dunha solución a esta situación sen que, polo momento, se produciran avances ao respecto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.