A violación fraternal. Por @DulceCorcu

Nada une tanto nin fomenta o compañeirismo e o bo rollo coma unha violación grupal, di o novamente adestrador do Raio Vallecano Feminino. Que entende que ningún equipo técnico pode sentirse verdadeiramente realizado sen coller entre todos a unha muller e ir «cargándonosla» como di el exactamente nun audio que xa se coñecía pero que volve a estar de actualidade porque Martín Presa, presidente raísta, puxo todo o seu empeño en que Carlos Santiso volvese ao banco dun equipo feminino xa maltratado nas condicións que soportan e que agora, coma guinda do pastel, teñen para dirixilas a un tipo que considera que todo foi unha «broma machista» sen máis. Que borrón e conta nova e aquí paz e despois gloria. Un pouquiño de sentido do humor, por favor. E para máis igonominia se cabese máis, dende a mesma conta oficial do equipo das xogadoras. O combo perfecto do «apartade que aquí se pintades algo, é o que digamos os homes».

Por moito que esas verbas teñan catro anos, non restan un ápice de gravidade ao que supoñen, á cultura da violación como norma, á heroicidade de querer compararse cos do Arandina (algún condeado a quince anos por agresión sexual a unha menor) é incidir en que ollo á idade, poque o perigo é ese, que non sexa maior de idade e poida haber problemas. O que tamén di moito da nosa xustiza, absolutamente ningún medo ás consecuencias de calquera tipo, porque saben de sobra que unha muller que denuncia ser violada xeralmente acaba sendo ela a culpabilizada. Cabe preguntarse cantos audios dese tipo se reciben nos grupos masculinos e, sobre todo, as reaccións que suscita, porque o machismo non terá fin se eles mesmos non se negan a rir esas «bromas machistas» que diría Santiso, e seguen considerando normal que falar de violar e abusar de mulleres poda ter algunha connotación graciosa.

Con toda a masa social do Raio Vallecano en contra e a presión nas redes de asociacións feministas e todo tipo de particulares, a dirección do clube négase a rachar o contrato do adestrador alegando que podería «arruinarlle» a vida, non como ás mozas vítimas desas violacións sen que as que un «Staff» non pode nunca estar ao completo, que non sofren nada. Na Federación Española de Fútbol tamén hai lavado de mans: o audio está prescrito e non poden actuar de oficio nun contrato privado. Claro que non, xa veriamos noutras circunstancias, se fosen por exemplo unhas declaracións nas que se xalea a ETA ou din algo como «el Borbón es un ladrón». Segurísimo que non ían atopar mecanismos para levar por diante a tamaño desalmado. Pero a violación fai piña, afianza os lazos fraternais e reafirma unhas masculinidades tan acomplexadas coma destrutivas que sempre acaban tendo as mesmas vítimas: nós, as mulleres. E xa abonda!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.