A Xunta impulsa 26 cursos para persoal de hostalería e turismo en Lugo e Vilalba

O delgado territorial, Javier Arias, explicou que se convocou este programa formativo con motivo do Xacobeo para incrementar as competencias profesionais dos traballadores e traballadoras e a competitividade do sector
A Consellería de Emprego e Igualdade impulsa en Lugo e Vilalba 26 accións formativas para traballadores e traballadoras da hostalería e o turismo, dirixidas principalmente a persoas ocupadas aínda que se admite a posibilidade de que participen persoas sen emprego, ata un 30% do cupo total.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que suman un orzamento de 256.600 euros e destacou que a Xunta convocou este programa formativo extraordinario con motivo do Xacobeo para incrementar as competencias técnicas profesionais do persoal e a competitividade das empresas.
Arias lembrou que o Xacobeo é “un elemento dinamizador que impacta directamente no emprego, con especial incidencia na hostalaría e o turismo, polo que a oferta formativa da Consellería responde a esta oportunidade cunha aposta pola calidade e o servizo e pola promoción dos traballadores destes sectores”.
A programación, que comezou a desenvolverse a finais de ano e continuará durante o presente exercicio, contempla tres cursos en Vilalba e 23 no municipio da capital, organizados por tres centros de formación homologados: Estudios Rafer, Ingeniería InSitu e Gdoce.
Ofértanse accións formativas en materias como Manipulador de Alimentos, Alerxias e intolerancias alimentarias, Nutrición e dietética, Comercialización de produtos turísticos ou Ecoturismo. Incorpora tamén cursos centrados en actividades complementarias, tales como a alfabetización informática –Big data, posicionamento web e marketing dixital-, inglés empresarial, xestión loxística ou implantación da marca Q de Calidade turística.
Os cursos impártense nas modalidades presencial, mixta ou de teleformación. As dúas primeiras organízanse en grupos cun mínimo de 8 e cun máximo de 25 participantes.