Antonio López, reelixido reitor da USC

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, Antonio López, foi elixido reitor da USC por catro anos máis logo das eleccións que tiveron lugar este mércores 23. O profesor López, candidato único nestes comicios, obtivo 1.636 votos, dos cales, 706 proceden do sector I (profesorado doutor con vinculación permanente); 394, do sector III (alumnado matriculado en titulacións oficiais); 271, do sector IV (Persoal de Administración e de Servizos); e 265, do sector II (membros das restantes categorías de persoal docente e investigador). En total, emitíronse 3.847 votos, dos cales, 2.211 foron en branco. Nesta xornada electoral elixíronse ademais os representantes dos distintos sectores no Claustro Universitario e de estudantes nas Xuntas de Centro. Os resultados poden consultarse na web das eleccións

A participación nas eleccións ascendeu a un 14,05% dun censo composto por 27.379 persoas. En concreto, no sector I a participación foi lixeiramente superior ao 77%; seguido do sector do Persoal de Administración e Servizos que superou o 60%. Nas restantes categorías do PDI, a participación ascendeu ao 34,01%; mentres que no caso do alumnado situouse no 6,36%.

Equipo de goberno

O equipo do reitor estará integrado por Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Política Científica; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización; Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado; Francisco Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo; Sindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación; e Dulce García Mella, secretaria xeral. O plan de goberno do profesor López está estruturado en cinco liñas estratéxicas: planificación ao servizo da Universidade, as facultades e escolas como elemento vertebrador, a estruturalización da investigación; cogobernanza, axilidade e transparencia; así como proxectar a imaxe da nova USC.

Currículo

Antonio López (Barreiros, 1964) ingresou en 1981 na Facultade de Dereito da USC, onde obtivo a súa licenciatura, con premio extraordinario en 1986. En 1991, acadou o grao de doutor na USC, da cal é catedrático de Dereito Financeiro e Tributario. Dende a súa licenciatura ata a actualidade, vén desenvolvendo unha intensa carreira docente e investigadora con numerosas publicacións e estadías nas universidades de São Paulo, Montevideo e Boloña.

É membro de diversas asociacións relacionadas coa súa especialidade, entre as que destacan a Asociación Española de Profesores de Derecho Financiero, a Asociación Española de Asesores Fiscales e a European Association of Tax Law Professors. Desempeñou os cargos de director do Departamento de Dereito Público Especial, secretario da Comisión de Doutoramento, vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela e vicerreitor de Xestión de Infraestruturas (1998-2002), de decano da Facultade de Dereito (2005-2007) e nos últimos catro anos (2018-2022) foi reitor da USC. En xullo de 2007 o Parlamento de Galicia elixiuno membro do Consello de Contas, cargo que ocupou ata decembro de 2013. Entre 2007 e 2010 foi conselleiro maior deste organismo.

Claustro e Xuntas de centro

No caso da elección de representantes no Claustro Universitario o número de persoas candidatas ascendeu a 176 no sector I, 47 no sector II, 121 no sector III e 54 no sector IV. O sector I abrangue o 51% do Claustro e atópase integrado por profesorado doutor con vinculación permanente, en total, 153 membros; o sector II abarca o 11% e nútrese de membros das restantes categorías de persoal docente e investigador, en suma, 33 membros; o sector III con 84 membros abrangue o 28% do claustro e está conformado por alumnado matriculado en titulacións oficiais; mentres que o sector IV, con 30 membros, o que se corresponde co 10% do Claustro, componse integramente por Persoal de Administración e de Servizos.

No sector I rexistráronse 708 votos cunha participación do 83,79%. No sector II, a participación foi do 42,22% con 301 votos emitidos. No sector III, emitíronse 865 votos, o que conforma unha participación do 8,30%. Finalmente, o sector IV contou cunha participación do 63%, o que implica un total de 1001 votos. Finalmente, 290 foi o número de candidaturas rexistradas na elección de representantes de estudantes nas Xuntas de Centro.

Vindeiros prazos

A proclamación provisional das candidaturas electas terá lugar este xoves 24 de febreiro. Entre o 25 de febreiro e o 7 de marzo poderán presentarse recursos ante a Comisión Electoral Central contra as devanditas proclamacións provisionais. O 9 de marzo terá lugar a proclamación definitiva das candidaturas electas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.