Arangüena tilda á Xunta de “negacionistas encubertos e propagandistas verdes” pola carencia de medidas eficaces contra o cambio climático

Repróchalle ao goberno galego que presuma da redución de emisións derivada do peche das centrais de Meirama e As Pontes cando ao mesmo tempo defendía que continuasen coa súa actividade

O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Socialista cualificou hoxe aos membros do goberno galego de “negacionistas climáticos encubertos e propagandistas verdes” tras evidenciar que a Xunta non adoptou nos últimos anos “nin unha soa medida minimamente eficaz e significativa contra o cambio climático”. Fíxoo esta mañá no Parlamento de Galicia, durante a comparecencia da conselleira de Medio Ambiente.

A Ánxeles Vázquez reprochoulle que viñese ao Pleno a falar sobre “algo que non existe”, xa que “falar de loita contra o cambio climático por parte da Xunta é un chiste, unha broma e unha burla á cidadanía”. Así, criticou que a conselleira so dixese “xeneralidades”, sen concretar “ningunha medida real, medible, concreta e significativa máis alá da propaganda”.

Ao mesmo tempo, tamén lle botou en cara que se atreva a “atribuírse o mérito” do descenso das emisións contaminantes cando “esa baixada é xusto a derivada do peche das centrais das Pontes e Meirama, algo ao que se opoñía o goberno galego”.

Nesta liña, Pablo Arangüena incidiu no paradoxo de que a Xunta “saque peito por isto, como se tivesen algún mérito nesa redución de emisións” cando, de feito, “segundo as súas propias declaracións públicas, se fose por vostedes esas centrais non terían pechado e, polo tanto, a día de hoxe non habería ningunha redución de emisións con respecto ao ano 1990”. “Como é posible que critiquen o peche e digan que hai que seguir queimando carbón en Galicia e ao tempo presuman dunha redución do 24 por cento das emisións no ano 2019, coincidindo coa clausura das térmicas?”, enfatizou.

A maiores, Pablo Arangüena lembrou que ese obxectivo de redución de emisións era o que se fixaba na estratexia de cambio climático para 2030, a data na que a Xunta calculaba que se produciría o peche das térmicas. Ao adiantarse esa clausura e quedar “desfasado” ese obxectivo, “vai vostede á conferencia sobre o clima de Glasgow a contarlle á prensa que Xunta incrementa esa porcentaxe ao 55 por cento”. O certo, sinalou Arangüena, “é que non ten vostede nin a máis remota idea de canto van baixar as emisións en Galicia ata 2030, pero di iso para fixar o mesmo incremento que anuncia o goberno central”.

En definitiva, “vostedes copian para empatar e aínda por riba din que son máis ambiciosos, máis líderes e máis vangardistas, e non se atreven a dicir que son os máis guapos porque cantaría moito”. Polo tanto, “foi alí a perder o tempo, malgastar cartos públicos e sacarse unha foto como observadora muda dunha das reunións coa única finalidade emitir unha nota de prensa para dicir que entran no liderado do clima a nivel mundial”.

Nesa estratexia de “non dicir mentiras pequenas, senón practicar a doutrina da gran mentira”, Pablo Arangüena tamén criticou que a conselleira anunciase o compromiso de reducir as emisións para manter a suba da temperatura global por debaixo dos 1,5 graos.

Isto, segundo o último informe do IPCC, é posible pero moi difícil porque “requiriría cambios sen precedentes a nivel social e global” e incluso hai parte da comunidade científica que “considera moi difícil acadar este obxectivo, se non imposible”. “A Xunta di que o vai conseguir”, ironizou, “supoño que recorrendo á intercesión divina do arcebispo de Santiago e, talvez por iso, a Feijoo lle parece mal a comisión de investigación sobre os abusos sexuais na Igrexa, xa que quizais pensa botar man dela para a loita contra o cambio climático”.

“Evasión, escapismo, chapuza e inseguridade xurídica da Xunta no tema eólico”

Por outra banda, Pablo Arangüena tamén criticou a “espantada” da conselleira dunha reunión do Consello Galego de Medio Ambiente na que se ía falar da “chapuza permanente da Xunta” no tema eólico.

Neste contexto, lembrou que en menos de ano e medio houbo tres sentenzas que anularon autorizacións de parques eólicos “meténdolle a vostedes enorme revolcóns”. Esas tres resolucións son “exemplos da conflitividade xurídica que están a agravar coa súa inacción e incompetencia e que se suma á conflitividade social, ata o punto de estar paralizando vostedes o proceso de desenvolvemento eólico en Galicia”.

A situación chegou a tal punto, incidiu Arangüena, que un informe do Consello da Cultura “meteulles un gran tirón de orellas” e certificou que o goberno “non está cumprindo a súa responsabilidade de preservar o medio ambiente a o patrimonio cultural”. Neste escenario, lamentou que a única resposta da Xunta ante esta situación sexa “evitar o debate e marcharse”. En conclusión: “A evasión e o escapismo, unidos á chapuza e á inseguridade xurídica e lexislativa”, afirmou o deputado socialista.

“A Xunta segue sen declarar a emerxencia climática en Galicia”

Por último, Pablo Arangüena lembrou que a Xunta segue sen dar cumprimento ao acordo adoptado polo Parlamento galego en novembro do ano pasado para declarar a emerxencia climática en Galicia.

Por tanto, “se incumpren reiteradamente os acordos desta cámara, que credibilidade ten unha Xunta de negacionistas climáticos encubertos e propagandistas verdes para prometer unha redución do 55 por cento para o ano 2030?”. “Que credibilidade ten a conselleira de ecopostureo cando a súa única política contra o cambio climático consiste en atribuírse o mérito da redución de emisións motivada polo peche das térmicas ao tempo que critican e se opoñen a que pechen as térmicas?”, preguntou o deputado socialista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.