CCOO salienta a mellora da contratación indefinida en Galicia como consecuencia do acordo de reforma laboral

Comisións Obreiras (CCOO) salienta a mellora da contratación indefinida en Galicia como consecuencia do acordo de reforma laboral pactado polos axentes sociais e o Goberno do Estado. Os datos do paro rexistrado do mes de xaneiro, coñecidos hoxe, revelan un cambio de tendencia e amosan unha suba do 65 % nos contratos indefinidos, ao tempo que os temporais diminúen un 9,8 %. Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, isto «reforza» a necesidade de que as forzas políticas convaliden no Congreso dos Deputados a reforma, «co obxectivo de seguir mellorando as condicións de vida e de traballo».

Con todo, esta mellora da contratación indefinida non consegue remontar en termos xerais o número de contratos formalizados, debido ao gran peso que aínda teñen os temporais sobre o total. En xaneiro fixéronse 70 942 contratos en Galicia (un 2,7 % menos que en decembro), dos cales o 90,54 % son temporais. En total rexistráronse 59 531 temporais por 11 411 indefinidos.

En xaneiro, o paro rexistrado medrou en Galicia en 1348 persoas (+0,88 %), porcentaxe superior á media do Estado (0,55 %). Pola súa parte, a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha baixada de 1509 afiliados e afiliadas; porén, considerando os datos da afiliación media mensual, esta redúcese en 10 831 persoas (-1,05 %) respecto ao mesmo período do mes anterior.

Os datos publicados hoxe reflicten un dos menores incrementos do desemprego no mes de xaneiro da serie histórica. O desemprego medra tanto nos homes (531 desempregados mais) coma nas mulleres (817 desempregadas máis), pero o maior crecemento do desemprego feminino provoca que seis de cada dez persoas paradas sexan mulleres. O desemprego redúcese en 60 mozos e mozas menores de 25 anos, pero entre as persoas maiores desa idade hai 1480 desempregadas mais.

As cifras tamén indican que o desemprego en Galicia se sitúa en niveis previos á pandemia, con 152 932 persoas desempregadas ao remate do mes de xaneiro, un 17,23 % menos ca no mesmo mes do ano anterior. Esta porcentaxe inferior á rexistrada no conxunto do Estado, onde o desemprego cae nun 21,22 % en termos anuais.

Análise por sexos e sectores

En Galicia están no desemprego 65 274 homes (531 máis que en decembro) e 88 658 mulleres (817 máis que no mes anterior), co que seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Atendendo ás idades, hai 6014 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (60 menos ca en decembro) e 147 918 maiores desa idade (1480 máis).

O paro diminúe en todos os sectores de actividade agás nos servizos, onde medra en 2133 persoas. Na industria hai 402 persoas desempregadas menos, 117 na construción e 5 no primario. No colectivo sen emprego anterior, o desemprego redúcese en 261 persoas. Segundo Maica Bouza, a evolución do emprego por sectores «responde ao patrón dos meses de xaneiro, onde se perde boa parte do emprego creado na campaña de Nadal e de rebaixas do sector servizos». Segundo a sindicalista, cos cambios no modelo de contratación acordados na reforma laboral,e ste emprego debería converterse en boa medida en fixo-descontinuo.

Análise da contratación

En xaneiro rexistráronse en Galicia 70 942 contratos, dos cales 59 531 foron temporais e 11 411 indefinidos. Os contratos temporais supoñen o 90,54 % do total de contratos rexistrados. Non obstante, rexístrase un cambio de tendencia: a contratación indefinida (tanto inicial como conversións) medra nun 65%, mentres que a temporal cae nun 9,8 %. O volume de contratos rexistrados en xaneiro foi un 2,7 % inferior aos formalizados no mes de decembro.

Afiliación á Seguridade Social

Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación cae en 1509 persoas, ata situarse en 1 021 398 afiliados e afiliadas, rexistrando unha caída do 0,15 % respecto de do mes anterior. A afiliación media mensual cae en 10 831 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 021 954. Deste total, 794 818 corresponden ao réxime xeral, 207 983 ao de autónomos e 19 152 ao réxime especial do mar. Daquela, a afiliación media en Galicia cae nun 1,05 %.

Prestacións por desemprego

En decembro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 89 547 persoas: 41 874 prestacións contributivas e 47 720 subsidios. Do total de prestacións contributivas por desemprego, 5146 corresponden a prestacións por ERTE covid.

En relación aos ERTE do mes de xaneiro, cabe sinalar que este mecanismo daba cobertura a 5224 persoas a final de ano, das cales 866 estaban en ERTE non covid e 4358 en ERTE covid. Do total de persoas afectadas, 2358 son homes e 2866 mulleres.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.