Denuncian unha nova pintada homofóbica en Oleiros, esta vez no peirao de Santa Cruz

Unha nova mensaxe de odio á diversidade que se suma ás aparecidas nas inmediacións de varios centros educativos oleirenses

Unha nova pintada lgbtifóbica vén de aparecer en Oleiros. Desta volta no peirao de Santa Cruz, un espazo moi frecuentado pola xente nova desta e outras localidades do municipio como punto de encontro e de lecer, especialmente nas tardes e noites dos fins de semana.

Non é a primeira vez que algo así acontece en Santa Cruz: hai un par de anos apareceu unha pintada, con mensaxe de idéntico contido de odio cara á diversidade afectivo-sexual, sobre o asfalto camiño da biblioteca municipal e auditorio das Torres, a poucos metros do CEIP Isidro Parga Pondal. Por xunto á pintada, que tardou meses en ser eliminada, pasaron diariamente ducias de nenas e nenos camiño do seu centro educativo ou das actividades da biblioteca ou do pavillón polideportivo.

Outra similitude entre aquela pintada e a recén aparecida no porto é o seu estilo: nela sinálase con toda clareza, polo nome, un destinatario concreto. Buscando, obviamente, a identificación, o escarnio e a humillación da persoa aludida, ao máis puro estilo nazi. Mesmo estilo tamén, por certo, que nas outras pintadas homofóbicas aparecidas no exterior dos IES públicos Xosé Neira Vilas de Perillo -nese caso borrada e volta a reproducir o pasado verán -e Miraflores de Oleiros. Neste último caso tivo que ser o propio BNG quen a eliminou, por medio dunha acción reivindicativa, logo da súa permanencia no exterior do centro durante polo menos cinco anos sen que a Consellaría de Educación fixese nada.

O BNG de Oleiros solicita doutro organismo tamén dependente da Xunta de Galiza, neste caso Portos de Galiza, ente ao que pertence o peirao de Santa Cruz, que non sexa tan neglixente como a Consellaría de Educación e proceda de inmediato a eliminar a pintada homofóbica aparecida no molle.

O Bloque propón, frente á proliferación destes discursos de odio, «menos indignacións momentáneas que acaban ao día seguinte e condenas baleiras de contido» e máis accións concretas en todos os ámbitos da sociedade e coa colaboración de todas as administracións. O BNG considera imprescindíbel aplicar políticas en favor da diversidade afectivo-sexual que vaian máis alá de datas emblemáticas e que, ademais da poboación en idade escolar, impliquen tamén as familias e o conxunto da sociedade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.