Descobren unha nova diana terapéutica contra a fibrose hepática, principal causa de transplante

Persoal investigador da USC constatou que o bloqueo da proteína CPT1A evita a activación das células estelares do fígado de pacientes con esta patoloxía

A fibrose hepática é unha enfermidade crónica que se manifesta en fases avanzadas de fígado graxo, atópase na antesala da cirrose e carece, polo de agora, de tratamento, ocupando o primeiro posto entre as causas de transplante hepático. Persoal investigador do grupo de Metabolismo Molecular do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) acaba de dar un salto cualitativo neste campo ao descubrir unha nova diana terapéutica. Trátase da proteína CPT1A, que está presente en niveis altos nas células estelares do fígado de pacientes e modelos animais de fibroses. A inhibición de CPT1A reduce a activación das células estelares e como consecuencia mingua o dano neste órgano. O traballo, realizado en colaboración co CIBER de Obesidade e Nutrición (CIBEROBN) e o CIBER de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (CIBEREHD), acaba de publicarse en Journal of Hepatology.

Numerosos estudos demostraron que alteracións no metabolismo, a inxesta de alcol ou infeccións provocan a aparición de cicatrices no fígado e inflamación, é dicir, hepatite. “As cicatrices son producidas polas células estelares hepáticas que se activan en resposta a diferentes estímulos inflamatorios e metabólicos. A fibrose impide que o fígado funcione ben e facilita a aparición de cirrose e cancro”, explican dende o CiMUS da USC. A fibrose hepática é unha enfermidade crónica cada vez máis común, principalmente debido ao crecente número de persoas con obesidade e diabetes tipo 2, dúas das patoloxías máis asociadas á chamada enfermidade de fígado graxo, que pode desembocar nunha fibrose.

Unha vez aparece a fibrose metabólica, parece que os cambios no estilo de vida non son suficientes para frear ou reverter a enfermidade. Ademais, tampouco existe tratamento farmacolóxico aprobado a día de hoxe fronte a esta enfermidade. “Tal é a situación que actualmente a fibrose hepática metabólica converteuse na causa máis común de transplantes de fígado e multiplica o risco de mortalidade dos pacientes”, engaden.

Estudo en animais e humanos

Para a realización deste estudo utilizáronse tres modelos diferentes: cultivos celulares de células estelares, modelos animais e mostras procedentes de pacientes. Neste último caso utilizáronse mostras de biopsia hepática procedentes de 27 pacientes con diferentes graos de fibroses metabólica. Os resultados mostraron que os pacientes con fibroses teñen niveis elevados de CPT1A especificamente nas células estelares, unha proteína moi coñecida polo seu papel na beta oxidación, un proceso polo que a célula queima graxa nas mitocondrias para obter enerxía. O mesmo foi observado en fígado de ratos alimentados con dieta alta en graxa, así como en células humanas.

“Demostramos que as células estelares utilizan graxa, en particular unha graxa saturada chamada acedo palmítico, para obter a enerxía necesaria para activarse, producindo así unha fibrose”, explican os principais autores da investigación, Marcos Fernández Fondevila, Uxía Fernández Paz e Violeta Heras Domínguez. “Bloqueando a proteína CPT1A nas células estelares en cultivo ou en ratos somos capaces de retardar o desenvolvemento da enfermidade”, engaden. Esta investigación é froito do traballo en equipo dos científicos do grupo de Metabolismo Molecular do CiMUS, coordinado por Rubén Nogueiras Pozo, e na que colaboraron equipos de investigación do CiMUS, CIC bioGUNE (Bilbao), Universidade de Barcelona, OWL (Bilbao), Universidade Complutense de Madrid, Universidade de Lille (Francia), Universidade de Lübeck (Alemaña) e Universidade de Columbia (Estados Unidos).

Financiamento

A Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, o Consello Europeo de Investigación (ERC), Fundacion BBVA, Fundación Atresmedia e European Foundation for the Study of Diabetes foron as entidades que outorgaron financiamento para o desenvolvemento deste estudo.

Foto portada: Persoal investigador do grupo de Metabolismo Molecular do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) acaba de dar un salto cualitativo neste campo ao descubrir unha nova diana terapéutica

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.