Efrén Castro dá o seu apoio ao CB Breogán antes da viaxe a Granada para disputar a Copa do Rei

O encontro no Pazo de Deportes serviu para dar sorte e ánimo ao equipo antes da súa participación histórica tras máis de 30 anos

Esta mañá o deputado de Deportes, Efrén Castro, achegouse ao Pazo de Deportes de Lugo para trasladar os parabéns da institución ao equipo do CB Breogán, que fará historia coa súa participación na Copa do Rei despois de máis de trinta anos da súa última participación.

Castro amosou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo na véspera da viaxe do equipo a Granada para disputar a Copa do Rei na que participa por segunda vez na súa historia (a primeira foi en 1990). O conxunto lucense acadou nove vitorias en dezasete partidos, facéndose un oco nesta competición despois da volta á tempada da Liga Endesa.

O deputado de Deportes salientou “a satisfacción compartida polo que significa este logro histórico para o baloncesto da cidade, felicitando aos xogadores, adestradores e a todo o equipo técnico por converterse, unha vez máis, en referentes do deporte lucense”. Neste senso, tamén quixo agradecer “o apoio incondicional de seareiros e seareiras, que defenden desde sempre os valores da deportividade tan fundamentais neste tipo de competicións”.

A Vicepresidencia ratificou nesta visita o compromiso co club celeste, co que mantén un contrato de patrocinio que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.