Gonzalo Caballero denuncia o desmantelamento da atención primaria dende Tui

O deputado socialista Gonzalo Caballero asistiu hoxe, en Tui, á mobilización para denunciar o desmantelamento da atención primaria na comarca do Baixo Miño.

“Fortalecer a atención primaria é prioritario para a cidadanía galega”, reivindicou o parlamentario socialista, logo de lamentar a situación de “abandono” por parte do goberno galego na que se atopan os PAC e os centros de saúde do Baixo Miño, cos que “se exemplifica o que está ocorrendo en toda Galicia a consecuencia dos recortes da Xunta do PP”.

Neste marco, o socialista denunciou unha “política sanitaria errática” por parte do goberno galego. “As listas de espera na atención primaria poñen de manifesto un problema estrutural que levamos moito tempo denunciando”, incidiu, logo de sinalar que no centro de saúde de Tui hai dous médicos e un pediatra de baixa e “as demoras para poder ser atendido por un médico acadan xa as dúas semanas”.

A isto hai que sumar, lembrou, a «lamentable» decisión do Sergas de restrinxir durante varios días no Nadal a actividade sanitaria en 14 centros da área sanitaria de Vigo, entre os que se atopaban os concellos veciños da Guarda, O Rosal e Tomiño. “Feijóo e o PP están deixando a sanidade pública galega nunha situación límite», sentenciou.

Por todo isto, o deputado socialista instou ao goberno galego a “buscar solucións urxentes” para “fortalecer” a sanidade pública galega e, especificamente, a atención primaria. “Cómpre mudar a política de recortes de persoal e apostar por un plan extraordinario de reforzo”, concluíu, xa que esta “é a única forma de facer fronte ás dificultades que está pasando a sanidade pública galega”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.