Inés Rey destaca o apoio municipal para “avanzar na integración das persoas que padecen trastorno do espectro autista”

A alcaldesa visitou ASPANAES e garantiu a continuidade de medidas como as ‘horas sen ruído’ nas festas ou as zonas para persoas con hipersensibilidade auditiva nas cabalgatas

A alcaldesa Inés Rey visitou esta mañá o centro de educación especial de ASPANAES (Asociación de pais de persoas con trastorno do espectro autista da provincia da Coruña). A rexedora puido comprobar de primeira man o funcionamento deste centro e desta asociación á que o Concello destina 25.000 euros a través dun convenio nominativo para facilitar que leve a cabo o servizo de respiro familiar e apoio a coidadores de persoas con TEA.

No 2021, un total de 52 persoas foron atendidas por ASPANAES e máis de 150 coruñesas e coruñeses beneficiáronse dos seus servizos de maneira indirecta. “Desde o Concello continuamos traballando conxuntamente con todas as asociacións da cidade, escoitando as súas demandas e os seus proxectos para facer desta unha sociedade máis xusta para todos e todas”, apuntou Inés Rey.

A alcaldesa estivo acompañada da concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira. Na sede da asociación, en Elviña, foron recibidas por Ignacio Labella, presidente de ASPANAES; José Alén, director xerente; e Encarnación Rodríguez, directora. Inés Rey lembrou as diferentes medidas postas en marcha polo seu Goberno destinadas a favorecer a igualdade de oportunidades das persoas que padecen TEA.

O Concello da Coruña creou as ‘Horas sen ruído’. Trátase dunha iniciativa que se aplica naquelas festas da cidade subvencionadas con cartos públicos e que contan con atraccións para todos os públicos. Durante unha ou dúas horas ao día apáganse a música e os sons de ditas estruturas para favorecer o seu uso por persoas con TEA. Por outra banda, nas cabalgatas de Reis e de Entroido implantáronse tramos sen ruído nos primeiros metros de ambos percorridos. Este ano, ademais, creouse na Cabalgata de Reis unha zona reservada para persoas con hipersensibilidade acústica, que se situou a carón do Teatro Colón. Este espazo solicitado por ASPANAES e ASPERGA permitiu a estas persoas gozar do desfile sen aglomeracións.

“O noso obxectivo como Concello é buscar unha mellor inclusión de aquelas persoas que por calquera circunstancia non poida gozar de todas estas actividades de ocio nas mesmas condicións que o resto”, apuntou Inés Rey, que confirmou o mantemento destas medidas durante as próximas celebracións na cidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.