Investigadores da UDC recollen mañá os Premios da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa e a Fundación BBVA

Inés Barbeito, Sonia Zaragoza, Javier Tarrío-Saavedra e Salvador Naya recollerán o Premio á Mellor contribución aplicada cun impacto no ámbito social, innovación o transferencia de coñecemento no campo da Estatística da edición de 2020. Ana López Cheda, Ricardo Cao, María Amalia Jácome e Ingrid Van Keilegom obtiveron o premio á Mellor contribución metodolóxica no campo da Estatística na edición de 2021

A sede da Fundación BBVA en Madrid acollerá mañá martes, 15 de febreiro, o acto de entrega dos Premios de Estatística que convoca a Fundación e a Sociedad de Estadística e Investigación Operativa, e a concesión das Medallas Sociedad Estadística e Investigación Operativa, en ambos os dous casos, entregaranse os premios das edicións de 2020 e de 2021, pois non se outorgaron o ano pasado pola pandemia.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asistirá a un acto en que se entregarán dous premios a investigadores da UDC, un da edición de 2020 e outro de 2021. Os investigadores da UDC, Inés Barbeito Cal, Sonia Zaragoza Fernández, Javier Tarrío-Saavedra e Salvador Naya Fernández, estes dous últimos adscritos ao Centro de Investigación TIC da UDC, recibirán o Premio á Mellor contribución aplicada cun impacto no ámbito social, innovación o transferencia de coñecemento no campo da Estatística da edición de 2020 polo seu artigo Avaliación do confort térmico e a eficiencia enerxética en edificios mediante control de calidade estatístico para datos autocorrelacionados. Este artigo amosa unha aplicación innovadora e interdisciplinaria no campo do control de calidade estatístico. O procedemento, implementado en R, controla e supervisa o confort térmico e o consumo enerxético dos edificios a partir de datos extraídos dunha plataforma web de enerxía ad hoc big data, e calcula tamén os aforros enerxéticos correspondentes.

Foto: Salvador Naya, Inés Barbeito, Javier Tarrío-Saavedra e Sonia Zaragoza, de esquerda á dereita

Así mesmo, os investigadores Ana López Cheda, Ricardo Cao Abad, María Amalia Jácome Pumar, adscritos ao Centro de Investigación TIC da UDC, e Ingrid Van Keilegom, do Research Centre for Operations Researche and Statistics da Katholieke Universiteit Leuven, de Bélxica, recibirán o Premio á Mellor contribución metodolóxica no campo da Estatística da edición de 2021 polo artigo Estimación non paramétrica de incidencia e selección de ancho de banda Bootstrap en modelos de cura mezcla. O artigo, inspirado nos datos sobre a supervivencia do cancro, propón un enfoque non paramétrico alternativo para modelar a supervivencia dos enfermos de cancro en que a proporción curada se incorpora ao modelo bioestatístico. Os autores, recoñeceu o xurado, “sobresaen no seu coidadoso tratamento teórico da combinación de pacientes curados e non curados, comparan o seu novo enfoque cos existentes e aplican o seu modelo mixto de supervivencia de cura a un conxunto de datos reais de pacientes con cancro de colon e recto”.

Na cerimonia entregaranse outros premios a destacados investigadores do campo da Estatística. A Sociedad de Estadística e Investigación Operativa e a Fundación BBVA convocan estes premios ás contribucións científicas particularmente relevantes en estatística e investigación operativa. Con periodicidade anual e de ámbito estatal, os premios recoñecen  a orixinalidade e a innovación neste campo co obxectivo de incentivar o traballo de investigación e a súa proxección á sociedade. Cada un dos premios está dotado con 6.000 euros, a repartir entre os diversos autores. Os premios están dirixidos a investigadores en estatística e investigación operativa de nacionalidade española ou doutro país que realizasen o seu traballo en investigación nunha universidade ou centro científico de España ou en colaboración con algún investigador español.

Foto portada: Desde a esquerda, María Amalia Jácome Pumar, Ana López Cheda e Ricardo Cao

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.