Lara Méndez: “Buscamos sensibilizar aos lucenses para que realicen as súas compras de San Valentín nos establecementos de proximidade»

Lara Méndez pon en marcha unha nova campaña, enmarcada no movemento Localmente Lucense, para dinamizar a actividade dos barrios e fomentar as compras nos establecementos de proximidade, con motivo da festividade de San Valentín. A rexedora explicou que “é unha nova iniciativa que quere incentivar o amor polos barrios Localmente Lucenses a través das campañas estacionais que desenvolvemos para dinamizar a vida e a reactivación económica, buscando sensibilizar aos lucenses cunha campaña que contempla accións online e a pé de rúa”.

Deste xeito, a campaña inclúe, por un lado, a elaboración e difusión -na páxina web www.localmentelucense.gal e nas redes sociais do Concello- dun vídeo con ideas para pasar un San Valentín #LocalmenteLucense, así como a elaboración de material gráfico, adaptado a cada sector de actividade (restaurantes, florerías, pastelerías, xoierías, centros de benestar, hoteis, librarías, perruquerías, etc.), para que os establecementos poidan utilizar dende as súas propias canles durante a campaña de San Valentín.

E, por outro lado, organizaranse escenas de humor e amor nas prazas das cinco agrupacións de barrios nas que foi dividida a cidade para impulsar o movemento Localmente Lucense. Trátase de escenas e improvisacións, a cargo de dous animactores, que falarán sobre o consumo local en clave de humor e amor polo barrio. Así mesmo, estarán acompañados de dous dinamizadores que repartirán folletos animando a sumarse ao estilo de vida Localmente Lucense. Estas actuacións serán móbiles e realizaranse en prazas e zonas de afluencia de público.

Lara Méndez subliñou que “actualmente, xa son máis de 550 os establecementos adheridos ao proxecto Localmente Lucense, que impulsamos dende o executivo municipal cun investimento dun millón de euros, e que combina unha ampla oferta de lecer e entretemento por barrios, con formación específica e asesoramento dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten máis atractivos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.