Lousame acolle ata o 31 de marzo “Noir Blanc”, unha exposición de 27 obras do pintor Veiras Manteiga

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, e o artista José Luís Veiras Manteiga, inauguraron na noite de onte a exposición “Noir Blanc”, que poderá visitarse na casa da cultura lousamiá ata o vindeiro 31 de marzo. Un acto no que o pintor, residente na aldea de Camboño (Lousame), estivo acompañado por Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, director do Museo do Gravado; polo músico Fernando Froján, que se encargou da apertura e peche musical, e por unha vintena de artistas, moitos deles conveciños e conveciñas seus.

“Presumimos de vivir en Camboño”, asegurou Veiras Manteiga, quen bromeou dicindo que “non vou falar da obra, que xa o fixo Pastor, vou falar de Camboño, onde temos moi bo ambiente. En Francia coñecen Camboño. Incluso viñeron pintores franceses a expoñer no Liceo e estiveron en Camboño, que é lugar de artistas. Temos a Alfonso Costa, hoxe aquí presente, pero tamén temos músicos, pintores… de todo. Non sei se quedan agricultores, pero artistas, si que hai. Espero que nestes dous meses a xente poida desfrutar e visitala”.

Un punto que corroborou Xoán Pastor Rodríguez, quen indicou que “seguramente, Veiras Manteiga irá este ano a Francia e aló os franceses oirán falar de Camboño e de Lousame. Vive nunha aldea onde hai máis artistas e creadores por metro cadrado que en ningunha outra do Barbanza. E iso é esencial para os artistas e as persoas: compartir a súa obra cos arredores e coa xente coa que viven”.

Apoio do Concello

A alcaldesa de Lousame deulle as grazas ao pintor “por expandir internacionalmente Camboño e Lousame. Nos ofrecemos a Casa da Cultura para acoller calquera exposición ou intercambios entre pintores de Camboño, doutras parroquias ou de onde sexan”. Así mesmo, Teresa Villaverde agradeceu a Veiras Manteiga “que tiveras a ben traer a túa obra para compartila cos teus veciños e veciñas de Lousame. Agardo que nos próximos dous meses poida ser visitada tamén por moita xente da comarca”.

A mostra estará dispoñible ao público na Casa da Cultura de Lousame ata o 31 de marzo, con entrada de balde. O horario de visitas será de 18:00 a 20:00 horas (luns, martes e venres) e de 11:00 a 14:00 horas (sábados).

Noir Blanc

“Noir Blanc” é unha colección de 27 traballos en tinta e acrílico sobre papel, todos eles sen título, realizados a inicios dos anos 90 por Veiras Manteiga. “Eu nunca pensei expoñela ata que este señor (Xoán Pastor) pasou polo meu taller e encontrou isto. Ata a anterior exposición en Ribeira, estas obras nunca se viran en España, salvo por unha persoa que ten dúas obras. É un cliente meu que mercou dous destes cadros no ano 91 e 92. Pero en España nunca se expuxeran, en Francia si”.

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría foi o encargado de presentar esta exposición. “Acostumados á riqueza cromática do pintor, cando falamos de Veiras Manteiga vemos un pintor cromático, de volumes, doutro tipo de trazo. Pero agora contemplamos outro tipo de obra que o encadran nun arte máis esencial, máis radical. Negro sobre branco sen referencias externas, sen símbolos, sen anécdotas. Unha arte espida que basea a súa forza na expresividade. O puro signo sen referente, o significante sen significado evidente pois o espectador debe buscar o apoio na emoción sen poder agarrarse a nada exterior. É a beleza do puro, da caligrafía do ignoto. Un camiño para afondar no primixenio”, sinala o director do Museo do Gravado.

Para Rodríguez Santamaría, “se contempláramos estas obras no 91 teríamos coñecido a un Veiras Manteiga máis íntimo e conceptual, máis esencial en sí mesmo. Temos agora a oportunidade de enriquecer o noso coñecemento dunha obra tan plural como a súa, que xa intuíamos na pureza esquemática dos volumes das paisaxes de Bretoña. Un camiño cara o profundo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *