Lugo lembra a Rosalía no 185 aniversario do seu nacemento

As concelleiras e concelleiros do Goberno de Lugo participaron nos actos do Día de Rosalía organizados pola área de Cultura e a AELG

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega realizaron hoxe en Lugo un acto con motivo do Día de Rosalía, celebrando o 185 aniversario do nacemento da poeta. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou a figura «moderna, poderosa e valente» de Rosalía, e afirmou que isto converte á poeta «nunha das mellores figuras que nos definen como pobo».

«Rosalía foi pioneira na defensa da nosa lingua, pioneira na defensa dos dereitos e pioneira na defensa dos dereitos das mulleres e por iso é preciso lembrar a esa Rosalía feminista, inconformista, e rebelde que rompeu moldes e que hoxe sigue sendo un referente», afirmou Maite Ferreiro.

O acto continuou coa ofrenda florala Rosalía e coa interpretación da Alborada de Rosalía, unha peza musical escrita pola propia poeta. Despois da lectura do manifesto da AELG polo Día de Rosalía, escrito por Beatriz Maceda, realizouse a tradicional lectura pública de poemas de Rosalía. A actividade contou coa presenza de estudantes do colexio Rosalía e María Auxiliadora, que realizaron tamén a súa homenaxe á Poeta.

Día de Rosalía 2022

O Día de Rosalía celébrase este ano por primeira vez o 23 de febreiro, despois de que a Fundación Rosalía de Castro propuxera mudar a data debido ao recente descubrimento da investigadora Sagrario Abelleira, que correxiu a data de nacemento da poeta.

O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional.

Manifesto da AELG polo Día de Rosalía 2022

 

PENSAR [TE] LIBRE

 

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.

Rosalía de Castro.

 

Alimentamos a realidade do noso País a través da nosa lingua e das palabras que envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua.

Non hai nada máis poderoso que as voces legadas polas nosas devanceiras, para arrodear os sentires, as emocións, a rebeldía, a liberdade dese pensamento sobre o que ninguén pode mandar.

Velaquí o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para «eu tamén navegar» (1), para facermos parte dunha nosa Historia propia e libre.

Así vou eu/formando parte/Non me abandono e formo parte (2), do pobo que describe Rosalía de Castro, da xente que defende a cultura sen cancelas e enche as rúas de voces violetas para combater da man das compañeiras os mouchos que nos asexan e a aqueles que ladran contra as que camiñan.

Abracemos, entón, a desorde das ideas (3) e a marcha dos pensamentos para seguir o navegar de Rosalía de Castro na voz das persoas humildes, para escoitar o silencio das oprimidas e censurar as inxustizas coa forza da nosa lingua. Non precisamos mans alleas que escriban a nosa historia así que, Dálle que dálle ó argadelo/noite e día/e pensa e pensa naquelo/porfía que te porfía, porque xa agroma forte a semente plantada. Vivamos a galope (4) nunha rede de afectos e celebremos que nin a lingua nin o pensamento se exilian. Tezamos xuntas, fortes e libres os puntos que calcetaron as mestras da República, as cigarreiras, as misteiras, as costureiras e todas as que, coma ti, loitaron contra as inxustizas e polos dereitos.

Cosamos cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos.

 

Tal com’as nubes

Qu’impele o vento

Y agora asombran, y agora alegran

Os espaços inmensos d’o ceo,

Así as ideas

Loucas qu’eu teño

As imaxes de multiples formas

D’estranas feituras, de cores incertos,

Agora asombran,

O fondo sin fondo d’o meu pensamento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.