Mellora do firme nos accesos á rotonda de Eduardo Diz e a rúa Severo Ochoa, no polígono de Agrela

A intervención, que se executará en horario nocturno entre o domingo 20 e o xoves 24, supón unha inversión de 109.000 euros para renovar e reparar o asfaltado na contorna do parque empresarial

O Concello da Coruña, a través da Concellaría Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, acometerá desde este domingo a mellora do asfaltado na contorna da rotonda Eduardo Diz, situada nun dos principais accesos á cidade, na confluencia entre as avenidas de Arteixo e Salgado Torres, e a rúa Severo Ochoa, ás portas do polígono de Agrela.

Os traballos, que se executarán en horario nocturno entre o domingo 20 e o xoves 24 deste mes de febreiro, abranguen a renovación e reparación do pavimento en tres áreas diferenciadas: a primeira, no carril de acceso á rotonda Eduardo Diz desde a avenida Salgado Torres, bordeando a estación de servizo adxacente, cunha intervención en máis de 2.088 metros cadrados de asfalto; a segunda, no acceso á rotonda desde a rúa Severo Ochoa, en dirección saída desde o polígono de Agrela, para a mellora do firme nunha superficie total de 1.792 metros cadrados; e, por último, nunha terceira fase, no acceso á rúa Severo Ochoa en dirección entrada ao polígono de Agrela tras saír da rotonda, unha intervención que afectará a 1.244 metros cadrados de pavimento para a súa renovación total. A partida orzamentaria destinada a este fin é de 109.000 euros.

A actuación, solicitada pola Asociación de Empresarios de Agrela, encádrase no plan de melloras acometidas polo Goberno municipal durante o mandato de Inés Rey para integrar na cidade o parque empresarial do polígono de Agrela. Neste sentido, a alcaldesa reuniuse a comezos de febreiro coa Asociación de Empresarios de Agrela, remarcando o compromiso do Concello co polígono e os seus proxectos de futuro.

Máis de 1,4 millóns de investimento en Agrela durante o vixente mandato

O Concello da Coruña leva investidos, no que vai de mandato, preto de 1,4 millóns de euros en Agrela. Na actualidade estase a levar a cabo a obra de mellora do aparcadoiro e as zonas verdes da rúa Newton. Trátase duns traballos que foron demandados pola propia Asociación de Empresarios de Agrela.

O obxectivo é reordenar as zonas axardinadas ocupadas indebidamente por vehículos privados que estacionan en áreas verdes. Para iso, estanse creando sete novas áreas de aparcadoiro, baixo a fórmula lousa-céspede. Ademais, manterase a zona de itinerario peonil, seguro e accesible, e abordarase tamén ao proceso de plantado de árbores na contorna.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.