Moción para o fomento do deporte da billarda no Concello de Miño

Miguel Anxo Abraira Sobrado, portavoz municipal da organización política LiGanDo en Miño presentou a moción

O 6 de Xullo de 2020 saíu publicado no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN de 25 de Xuño de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, polo que se recoñece a billarda como modalidade deportiva. O 26 de marzo de 2021 inscríbese no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia a Federación Galega de Deporte Autóctono, integrada polas Modalidades Deportivas de Billarda e Chave.

A billarda forma parte do patrimonio lúdico galego e a día de hoxe é unha modalidade deportiva que conta con equipos federados que compiten nas ligas que organiza a Federación. Ademais, tamén se organizan demostración e torneos de promoción que están elevando este deporte á categoría dunha sinal de identidade galega semellante á pelota vasca.

“Chegouse ata aquí grazas a unha aventura iniciada no 2003 por un grupo de persoas da Mariña de Lugo que quixeron recuperar a práctica deste xogo secular. Así, créase a ACD O Varal no 2005 como ferramenta e estrutura xurídica para fomentar e favorecer a práctica da billarda. Tamén, nace nese mesmo ano a primeira liga de billarda, a LNB. Aquelas persoas pioneiras sacaron a billarda da memoria dos nosos antepasados para poñela nas zonas de ocio e recreo do noso país”.

Neste ano 2021 a Modalidade de Billarda conta con 13 equipos de billarda que compiten na Liga Atlántica de Billarda e na Liga Ribeira Sacra de Billarda que organiza a Federación de Deporte Autóctono.

Dentro dos obxectivos da Federación Galega de Deporte Autóctono esta a difusión do deporte da Billarda e para tal fin colabora con outras entidades publicas e privadas para a realización de talleres de formación e demostracións. Ademais dos talleres e das demostracións que se espallan por toda Galiza está a posibilidade de celebrar algunha xornada de liga ou algún torneo de promoción en calquera punto da xeografía galega o que repercute positivamente no coñecemento deste deporte e no lugar de celebración da xornada ou do torneo.

Ademais e, segundo a información, que manexamos desde LGD está previsto que a TVG comece a retransmisión en directo de distintas competicións deste deporte o que vai ser un factor importante na súa recuperación e un bo escaparate para as localidades e instalacións onde se celebren as competicións.

O Concello de Miño é a día de hoxe propietario das instalacións do campo de golf de Miño por unha sentenza xudicial. Desde LGD-Miño entendemos que estas instalacións, ao tratarse dunhas instalacións publicas, deben estar ao servizo da veciñanza é que ademais poden e deben ser empregadas para todo o que teña que ver co deporte que se desenvolva no noso concello sempre que non prexudique ou interfira na actividade principal.

O Comité Técnico da Modalidade de Billarda da Federación Galega de Deporte Autóctono entende ao igual que LGD-Miño que as instalacións do campo de golf de Miño son unha contorna inmellorable para a celebración de competicións de billarda. Estes torneos ou xornadas de liga son absolutamente compatibles co actual uso que se lle dá a estas instalacións. Como xa dixemos nun parágrafo anterior a TVG ten pensado a retransmisións de competicións de Billarda polo que a celebración destas competicións serán un elemento de difusión do deporte da billarda, do campo de golf de Miño e por extensión do noso concello.

Por todo o antedito,

PROPOÑEMOS:

PRIMEIRO.- Que o Concello de Miño se dirixa a Federación Galega do Deporte Autóctono para coñecer a súa disposición para a realización de actos de promoción do deporte da billarda no noso concello mediante a colaboración estable de carácter plurianual.

SEGUNDO.- Que o Concello de Miño faga os tramites administrativos necesarios para que se dea a colaboración necesaria entre o Miño Club de Golf Ártabro, o Concello de Miño e a Federación Galega de Deporte Autóctono para que as instalacións do campo de golf de Miño sexan o lugar onde se celebren os actos de promoción e competición.

TERCEIRO.- Que o Concello de Miño se estableza como fin a creación dunha equipa federada no deporte da billarda establecendo o seu campo de adestramento e sede nas instalacións do campo de golf de Miño.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.