Noelia Otero denuncia o veto de TVG e Radio Galega á obra de Anxo Lugilde sobre saúde mental

Cualifica de “cando menos curioso” que a publicación “non teña eco” nos medios públicos galegos dada a súa “repercusión” en medios do conxunto do Estado e a “sensibilidade social arredor do asunto”

A voceira de CRTVG do Grupo Socialista, Noelia Otero, denunciou hoxe, na Comisión de CRTVG do Parlamento, o veto da Televisión de Galicia e da Radio Galega á obra ‘A vella compañeira’ de Anxo Lugilde. Esta publicación, que aborda a problemática da saúde mental e foi cualificada pola crítica de forma compartida coma un “libro único”, foi noticia na “práctica totalidade de medios” a nivel rexional e estatal, agás nos medios públicos galegos.

“Cal é o criterio xornalístico diferencial coa práctica totalidade dos medios galegos, dos máis importantes do conxunto do Estado, públicos e privados, para non mencionar e dar cobertura a unha obra sobre saúde mental, dun xornalista galego, escrita en galego e recoñecida a tantos niveis pola súa visibilización da depresión e das enfermidades mentais?”, preguntou Otero ao director da CRTVG.

Neste marco, a dirixente socialista cualificou de “cando menos curioso” que a obra “non teña eco nos espazos da nosa radio e televisión pública”, dada a súa “boa acollida” e cando mesmo o presidente do goberno de España convidou ao autor, a raíz da publicación do seu libro, a intervir na presentación do Plan de Acción 2021-2024 de Saúde Mental realizada no Palacio da Moncloa.

“Todas as expectativas previas de repercusión da obra que tiñan as tres editoriais foron desbordadas amplamente en televisión, radio e prensa de papel e dixital”, sinalou Otero, quen incidiu en que é “rechamante en termos de criterio” a “falla de cobertura” desta información por TVG e Radio Galega tendo en conta “o contido, a realidade e o enorme impacto da obra” e cando existe unha “sensibilidade social arredor do asunto”.

Por último, Otero lembrou que “a OMS estima que, polo menos, o 5% dos adultos de todo o mundo sofre depresión cada ano” e, “aínda que se trata da principal causa mundial de discapacidade, os especialistas consideran que segue sendo unha crise sanitaria desatendida”, polo que instou á entidade a darlle difusión e cobertura á saúde mental e, especificamente, a esta obra e ao seu autor como especialista nesta cuestión.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.