O BNG critica a “incapacidade do Goberno central para solucionar a crise do marraxo” que afecta á pesca galega

Ana Miranda, Rosana Pérez e Carmela González defenden que o sector viaxe a Madrid para denunciar “o desmantelamento do sector”

Froito da preocupación do BNG pola situación do sector pesqueiro galego, a portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, e as deputadas da Comisión de Pesca da formación nacionalista no Parlamento Galego, Rosana Pérez e Carmela González, mantiveron un encontro coa Asociación de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) e Espadeiros Guardeses, -xunto a representantes do BNG da Guarda-, no que lles trasladaron o apoio do Bloque as súas protestas a respecto da “crise do marraxo”.

“A diferencia de criterio e descoordinación entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o de Transición Ecolóxica provoca unha situación insostible para a frota galega de palangre de superficie dende hai dous anos”, denuncian as nacionalistas, quen lembran que esta frota representa o 85% da europea, polo que instan a acadar unha solución para o sector.

Para o Bloque, a situación de incerteza causada por esta diferencia de criterio e falta de coordinación “non pode pagala un sector que aglutina 125 barcos en toda Galiza e que conta cun total compromiso coa sostibilidade”. Ao seu xuízo, a única conclusión que se extrae desta “total falta de xestión e de sensibilidade dun sector fundamental para Galiza é que a Madrid non lle importa a pesca galega e que incluso hai plan para a destrución do sector”.

Destrución de pesca legal

Nestes dous anos o problema viuse tremendamente agravado, xa que non só existe a imposibilidade de pescar esta especie, senón que a situación se refire tamén as partidas que se atopan nos almacéns frigoríficos á espera dunha solución definitiva, que chega ás 90 toneladas do 2020. Neste sentido, desde ORPAGU e Espadeiros Guardeses tamén criticaron a situación que viviron algúns armadores, que tiveron que destruír miles de quilos de marraxo pese a ter sido pescados legalmente. “Non é cuestión de descoñecemento da situación, é falta de vontade política para solucionala”, sinalan.

Neste sentido, Miranda, Pérez e González defenderon que o sector “ten que facerse escoitar en Madrid” e entrevistarse directamente con Teresa Ribera e Luis Planas. “A ministra e o ministro teñen que escoitar de primeira man que nos portos galegos se está a producir unha situación absurda: mentres os barcos do resto do mundo descargan marraxo porque os seus gobernos si emiten os correspondentes certificados, o goberno español aínda non fixou os cupos de pesca, polo que se produce unha situación de competencia desleal”, subliñaron.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.