O Campionato de Galicia de Resistencia estréase nas 3 Horas BTT Noia

280 bikers competirán este domingo dende as 10:00 horas no circuíto do Polígono Industrial Agualevada

O primeiro Campionato de Galicia do 2022 chega moito máis cedo que outros anos. Esta temporada a Resistencia incorporouse ao calendario da Federación Ciclismo Galego e este domingo poranse en xogo por primeira vez as coroas desta modalidade do BTT. Será en Noia, a partir das 10:00 horas, e con récord de participación.

O prazo para participar no evento organizado polo Club Peña Ciclista Toxo pechouse con 280 inscritos, unha cifra que supera ás rexistradas durante as probas da Copa Galicia e que ratifica a boa acollida da Resistencia na súa primeira campaña como especialidade federada. A 3 Horas BTT Noia terá como escenario o circuíto do Polígono Industrial Agualevada, un percorrido por pistas de terra no que se acumulan 170 metros de desnivel positivo nos seus 5,25 quilómetros de lonxitude.

As bikers e os bikers que se van dar cita na liña de saída afrontarán o reto de pedalear durante 3 horas buscando completar o maior número de voltas posible. Ao igual que aconteceu na Copa Galicia, no Campionato pódese competir de xeito individual ou por parellas realizando remudas. Hai tres categorías de dúos: mixta, feminina e masculina.

Despois de que se disputaran as catro xornadas do certame autonómico nunha marxe dun mes, a gañadora e o gañador das xerais absolutas da Copa sobresaen como favoritos para facerse coas coroas individuais. A elite Eva Ortega (Extol) goza da condición de invicta no calendario galego e o máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras) liderará o potente bloque do conxunto de Cuntis, que a priori terá como principais rivais aos elites Javier Busto (Extol) e David Fernández (Narón).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.