O Concello de Lugo buscará colaboración coas entidades financeiras para conveniar a instalación de caixeiros automáticos nos centros sociais municipais, cedéndolles o espazo para instalalos.

O anuncio, feito hoxe pola alcaldesa, Lara Méndez, obedece á vontade do Executivo local de incrementar as dotacións a disposición da veciñanza e, neste caso especialmente, do colectivo da terceira idade – que representa á cuarta parte da poboación lucense – para favorecer que poidan realizar operacións de tipo bancario en dependencias nas que ademais contarán, se así o precisan, coa axuda do persoal municipal para levalas a cabo.

A rexedora  presentou a medida ao tecido asociativo dos e das pensionistas que a cualificaron de excelente, “en tanto mellorará a súa sensación de seguridade cando utilicen estes dispositivos por atoparse en inmobles vixiados de maneira que poderán acceder a eles con totais garantías”.

Lara Méndez explicou que “durante o encontro, amosámoslles tamén a nosa total disposición para atender as súas reivindicacións e contribuír de xeito proactivo á súa loita, posibilitando accións como esta e sendo receptivos ás súas demandas que igualmente lles faremos chegar ao resto de administracións con competencias na materia”, afirmou a rexedora.

Méndez avanzou que, así mesmo, “dende a área de Benestar se incorporará obradoiros dirixidos á poboación maior de 65 anos nos que se imparte  ensinanza informática para que as e os asistentes gañen competencias e adquiran destrezas na realización de trámites telemáticos dentro dos que se inclúen, por exemplo, a petición de citas previas, a participación en vídeo-conferencias, o coñecemento de webs informativas ou o manexo do e-mail e das redes sociais.

“A finalidade é achegarlles ferramentas que lles permitan familiarizarse con este tipo de procedementos, facendo especial fincapé en todo o que ten que ver coa banca electrónica en prol de que poidan manexarse con autonomía e acceder, cada vez con menos dificultades, a servizos básicos e imprescindibles que noutros segmentos de poboación a cidadanía xa emprega con cotiandade”

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.