O Entroido coruñés réndelle homenaxe a María Casares este xoves de comadres

Realizarase un percorrido literario e musicalizado que percorrerá distintos puntos de interese relacionados coa actriz

O Entroido da Coruña renderalle este ano unha homenaxe a María Casares para conmemorar o centenario do nacemento da actriz. Será este xoves de comadres a partir das 19.30 horas e consistirá nun percorrido literario e musicalizado por distintos puntos da cidade.

O Concello da Coruña promove este 2022 o Ano Internacional María Casares, como parte dos plans do Goberno de Inés Rey para pór en valor a figura da actriz coruñesa. Este xoves de comadres, a andaina na honra de María Casares partirá da praza das Cigarreiras, na Fábrica de Tabacos, un lugar icónico da cidade na loita pola igualdade das mulleres. Alí as comadres cantarán a canción ‘As Cigarreiras’ e lerán unha carta a María Casares. A actriz coruñesa era neta dunha traballadora da Fábrica de Tabacos, de aí que se escollese este punto para comezar o percorrido.

Ás 20.00 horas iniciarase o percorrido cara o Teatro Colón, un dos principais símbolos da cultura e do teatro na cidade. Diante do edificio procederase á lectura dramatizada de ‘María, Vitola, Vitoliña’, por parte das Comadres Cigarreiras. O acto contará coa presenza da concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira e coa poetisa Olga Patiño, que lerá o poema ‘Saúdo’. O Teatro Colón foi o primeiro escenario ao que se subiu a actriz coruñesa, que desenvolveu a súa carreira profesional en Francia.

Logo de cantar varias cancións en homenaxe a María Casares, a comitiva continuará o percorrido ata a Casa Museo Casares Quiroga. Alí interpretaranse dous monólogos de ‘Divinas Palabras’ e ‘La casa de Bernarda Alba’ pola actriz Maruxa Vázquez. O percorrido finalizará na praza de María Pita, onde as persoas participantes renderán homenaxe á heroína coruñesa con varias cancións.

Ano Internacional María Casares

O Ano Internacional Maria Casares xorde coa intención de identificar a actriz coa súa Coruña natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común. María Casares, nada na cidade en 1922, marchou da Coruña a Madrid con só oito anos, para despois exiliarse en Francia, onde chegou a ser a gran dama do teatro francés do século XX. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social.

Entre os actos que se celebrarán destacan unha mostra en bibliotecas, a creación dunha biografía en banda deseñada, unha exposición no Quiosco Alfonso, unha ruta urbana, visitas teatralizadas no Teatro Colón, un documental ou un encontro internacional. En próximas datas anunciaranse novos actos que se desenvolverán durante este 2022.

Toda a información poderá consultarse a través da páxina web.

Programación do Entroido

O Concello da Coruña programou para este 2022 un Entroido cos actos máis tradicionais e varias novidades, como o Andar do Antroido, un paseo da fama que honrará a figura de Fernando Amaro ‘Cantero’ este venres ás 13.30 horas na rúa da Torre. Tamén haberá actuacións musicais como a de Varry Brava do luns 28 ás 21.00 horas na praza de María Pita.

Este sábado realizarase no centro da cidade o tradicional Desfile de Entroido, co concurso de carrozas e comparsas. A entrega de premios será na praza de María Pita e haberá unha actuación musical a cargo de Broken Peach. A programación estenderase ata o mércores 2 de marzo co enterro da sardiña en Santo Amaro.

Podes consultar toda a programación en coruna.gal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.