O futuro da reciclaxe a debate en Noia

O acto, organizado polo BNG, contou coas intervencións do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, e o catedrático de enxeñaría química, Manuel Soto.

O edificio noiés do Antigo Matadoiro completou a súa capacidade no acto organizado polo BNG no que se debateu o futuro da reciclaxe. As persoas a cargo das intervencións nun primeiro termo foron César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e Manuel Soto, catedrático de enxeñaría química.

Mosquera fixo un repaso da evolución normativa da reciclaxe centrándose no futuro da xestión dos residuos desde o eido municipal e recalcou que actualmente xa se abandonou definitivamente o buenismo, a suposición de que mediante campañas de sensibilización e iniciativas puntuais se vai a obter un tratamento correcto dos residuos. Sensibilización si, apuntou, pero con obxectivos cuantitativos claros e ben definidos que pasan a ser de obrigado cumprimento.

Para a obtención duns bos resultados sinalou como variable fundamentalo control, para o que é necesario a instauración de corpos de inspección desde os concellos.

No relativo á Mancomunidade Serra do Barbanza, o vicepresidente da Deputación da Pontevedra afirmou que, aínda que o modelo precisa de melloras, atópase nunha situación privilexiada para afrontar o cambio futuro por ter unhas mellores cifras con respecto ao modelo Sogama e por cumprir o principio da proximidade na xestión dos residuos.

Uns datos da planta de Servia que foron referendados polo catedrático Manuel Soto, quen tamén fixo fincapé na necesidade de que o modelo avance no futuro, pero subliñando que ten moito camiño andado en aspectos como o tratamento dos envases ou do papel, cunhas cifras moi superiores ás da media galega.

Soto recalcou a importancia de avanzar na xestión dos biorresiduos, unha cuestión para a que se necesita xerar novos empregos tanto para ensinar a cidadanía a realizar a súa xestión como para facer un seguimento axeitado dos resultados.

Despois dun intenso debate que durou máis de unha hora, o portavoz do BNG en Noia, Ricardo Suárez, foi o encargado de pechar a xornada, lembrando que a súa formación debe seguir exercendo presión para mellorar o funcionamento da mancomunidadee que encaran as vindeiras eleccións municipais co obxectivo de que o BNG obteña máis forza na comarca, entre outras cuestións, para asegurar que unha cuestión tan importante como a da reciclaxe sexa unha prioridade dos concellos.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.