O Movemento Veciñal de Touro, presentou unha emenda á totalidade para eliminar a dedicación parcial á concelleira Adela Iglesias (25 horas semanais por 2000€ ao mes)

Este xoves 10 de febreiro tivo lugar un pleno extraordinario no concello de Touro para decidir o destino dos fondos do plan de obras e servizos da deputación provincial da Coruña (400.000€) e para a aprobación dos presupostos municipais.

O primeiro punto do día comezou con polémica xa que o goberno municipal apurou os prazos até o último día da convocatoria non deixando opción a que os grupos da oposición fixesen propostas alternativas para destinar os 400.000€. A proposta do goberno municipal consistiu en destinar algo menos da metade desta cantidade en «repartir cementos polas cunetas» sen ningún tipo de criterio. A outra metade dos fondos decidiron adicalo a gastos correntes (por exemplo o salario da concelleira Adela Iglesias sen función coñecida). O movemento veciñal de Touro, principal grupo da oposición, propuxo unha serie de medidas alternativas que xa ven presentando dende a súa chegada á corporación. Por un lado aposta por redactar un plan de obras no que se decidan as inversións en asfaltados e infraestruturas en función da importancia para a veciñanza (conexión de núcleos de poboación, estado das estradas…) e non por  criterios caciquiles como vender favores. Por outra banda, reiteraron a necesidade da creación dun centro de día na localidade, algo que consideran prioritario. Por último, fixeron referencia a un centro de transformación de produtos agrarios que permita a transformación e o aumento de valor das produción local, unha proposta  levada polo grupo veciñal a pleno no ano 2020 e rexeitada polo goberno de Ignacio Codesido. Estas propostas alternativas foron rexeitadas polo goberno de Ignacio Codesido.
En canto aos presupostos, o goberno municipal repite unha vez máis a estrutura dos presupostos. O grupo veciñal presentou unha emenda á totalidade para eliminar a dedicación parcial á concelleira Adela Iglesias (25 horas semanais por 2000€ ao mes) xa que supón un bochorno manter este gasto cando non aporta traballo nin propostas e que simplemente utiliza o concello como unha ferramenta para asignarse un salario que non ganaría  fóra da administración. O grupo veciñal propuxo dispoñer destes recursos para contratar, a maiores, dúas/dous traballadores/as durante 9 meses que permitan utilizar a maquinaria municipal infrautilizada mentres as infraestruturas municipais están carentes dos mantementos básicos.  Este sería un gasto produtivo en beneficio da veciñanza que fomentaría o emprego. O goberno municipal na súa totalidade rexeitou esta proposta e decidiu manterlle a adicación a Adela Iglesias e non contratar aos dous operarios municipais.
Outra das propostas que se abordou no pleno foi a creación dun regulamento para implementar unha axuda á natalidade, unha proposta que chega dende a Xunta e que o concello de Touro foi un dos últimos en implementar deixando aos nenos nacidos até o momento sen ela a pesares de contar con maioría absoluta para aprobala fai meses como por exemplo fixo o concello de O Pino. O goberno municipal tan só tiña que modificar un regulamento de catro páxinas, o que sen embargo se converteu nun imposible xa que cometeron erros en cada unha delas. O grupo veciñal criticou que o goberno municipal non é capaz de sacar adiante as xestións máis básicas. Finalmente o goberno municipal  tivo que asumir os erros e enmendar o regulamento e adaptalo coas propostas dos grupos da oposición. O grupo veciñal denunciou a pasividade do goberno municipal xa que a súa inacción en materia de promoción de vivenda pública para a mocidade ou a falla de servizos provocan que  se vexan obrigados a marchar da localidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.