O Parlamento aproba a iniciativa socialista para urxir á Xunta a negociar co Estado mecanismos para evitar devolver os 70 M€ de axudas para pemes e autónomos non executados pola “incapacidade” da Xunta

Begoña Rodríguez Rumbo critica á actitude da Xunta ao converterse “no goberno do non” e “Feijóo, no alumno máis avantaxado do Ayusismo”

O Parlamento de Galicia vén de aprobar a iniciativa socialista para instar á Xunta a negociar co goberno do Estado mecanismos para aproveitar os 70 millóns de euros en axudas directas para pemes e autónomos que non foron executados pola “incapacidade” do goberno galego “recoñecida pola propia conselleira de Emprego”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, tras votar os tres grupos da Cámara galega por unanimidade a favor dun dos puntos da moción socialista neste sentido.

Neste marco, a voceira de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, sinalou que “o PP puxo todos os atrancos posibles para que os fondos Next Generation non chegaran a Galicia” e, de feito, “votaron en contra deles no Congreso, reiteradamente falaron mal do noso país en Bruxelas e, xa por último, facendo un auténtico ridículo, enviaron unha delegación de alcaldes, alcaldesas e algún presidente de Deputación a Bruxelas para seguir cunha campaña de desprestixio do noso país, pero unha vez máis nin foron recibidos”.

Fronte a isto, incidiu, “dende a Comisión Europea reconfirmaron que Sánchez o está facendo ben e que, grazas a súa xestión, 140.000 millóns de euros están chegando a España para que ninguén quede atrás”. E todo isto, subliñou, “a pesar do PP”.

“Cantas veces máis van facer o ridículo ante as institucións europeas? Cantas veces máis van tentar que non cheguen fondos a España? Cantas veces máis van falar de patriotismo enarborando bandeiras?”, preguntou Rodríguez Rumbo.

Ante isto, a dirixente socialista censurou a falla de aposta do goberno galego en materia de emprego, que “non é unha prioridade” para a Xunta. Tanto é así que en 2021, en España, sinalou, foron creados 840.000 empregos, o que supuxo un crecemento do 4,35%, superando á ocupación anterior á pandemia; e, pola contra, en Galicia, apenas medrou un 0,96%, o que deixa á comunidade como a terceira pola cola, só por diante de Murcia e Ceuta.

“O GOBERNO DO NON”

Con todo, a vicevoceira socialista censurou a actitude do goberno galego que, dende o inicio da pandemia, “dedicouse a atacar frontalmente calquera proposta ou resolución do Estado”, co que se converteu no “goberno do non” e “Feijóo, no alumno máis avantaxado do Ayusismo”, unha presidenta que “deu contratos a amigos” e grazas aos cales “o seu irmán cobrou comisións” durante o peor momento da covid.

Así, a dirixente socialista lamentou que o PP “facía negocio”, mentres o goberno do Estado “poñía os medios para saír todas e todos xuntos da crise sanitaria, económica e social provocada pola pandemia”, o que deixa claro que “a corrupción corre, unha vez máis, polas veas do Partido Popular e o peor de todo é que o teñen normalizado”.

Finalmente, Rodríguez Rumbo sinalou que no PP de Galicia “falan de Casado, pero nada din de Ayuso e dos contratos outorgados aos seus amigos” porque “ao PP non lle importou que coa crise da covid se puidese cambalear a estabilidade do noso país nin os milleiros de postos de traballo que puideran ser destruídos” cando, “para o presidente Feijóo, o Ayusismo converteuse na luz a seguir e a confrontación co presidente Sánchez, o obxectivo principal”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.