O PP de A Pastoriza afea ao goberno local “a irresponsabilidade” coa que se actuou con respecto ao SAF

O Grupo Municipal do Popular de A Pastoriza amosa a súa preocupación pola sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo que condena ao Concello a pagar 21.000 euros á empresa do Servizo de Axuda no Fogar. Deste xeito, os populares consideran que “estamos diante dunha irresponsabilidade do goberno local sen precedentes, xa que os grandes prexudicados foron e son os beneficiarios deste servizo que, ademais de non telo, agora ven como a entidade local actuou de xeito improcedente”.

Dende o PP destacan que os responsables da xestión do SAF, e en consecuencia o alcalde, “deben dar explicacións, e deben facelo, engaden, por respecto aos veciños e ás familias dos usuarios que tanto precisan desta prestación”.

“Estamos a falar dun servizo que non é coma outros, debido ao trato directo que conleva cos dependentes. Non velar porque a súa xestión sexa correcta é unha falta de competencia total e absoluta por parte do Concello”. A este respecto, o Grupo Municipal do PP afea ao goberno local que “cargue tintas contra a Xunta de Galicia”, xa que o desenvolvemento do SAF depende única e exclusivamente das entidades locais.

“Cando hai algún problema, PSOE e BNG sempre intentan culpabilizar ao Goberno galego, pero o que existe neste caso é unha irresponsabilidade clara por parte de socialistas e nacionalistas”. Os populares lamentan así que “intenten buscar escusas e frivolicen con algo tan serio como é a atención aos nosos maiores”.

Datos SAF

O Concello de A Pastoriza ten 39.252 horas anuais de SAF asignadas, polas cales a Xunta estaba poñendo á súa disposición, ata o de agora, 380.744 €. A setembro de 2021, a ratio de atención é do 84%: con 89 beneficiarios atendidos e 17 pendentes de recibir o servizo. Do total de horas asignadas, 35.772 están sendo efectivamente prestadas e 3.480 están dispoñibles.

Co incremento da achega da Xunta, que se eleva a 11€/hora este ano e o vindeiro, con efectos retroactivos desde o pasado mes de xaneiro, a Xunta porá á súa disposición nas vindeiras semanas 51.028 € adicionais.

Este incremento consolidarase no ano 2022, no que a achega ao concello de A Pastoriza será de 431.772 €, un 13,4% maior que ao inicio de 2021.

Este incremento do financiamento Xunta dará maior seguridade económica aos Concellos, que poderán estender o SAF a máis fogares e incrementar o número de horas das persoas que xa dispoñen desde servizo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.