Obradoiro de ‘cubixoguetes’ de Entroido na Cidade da Cultura

Este mes de febreiro, imos descubrir dun xeito diferente as figuras centrais do entroido galego. Con bloques de madeira de diferentes formas e tamaños armaremos os traxes, sombreiros e carautas dos Cigarróns e dos Xenerais da Ulla, montando divertidas personaxes para coñecer que son as pelicas, as charreteiras, as chocas, o tricornio, a mitra ou a zamarra que levan as máscaras tradicionais que nestas datas percorren as rúas de cidades e vilas como Santiago de Compostela, A Estrada, Xinzo da Limia, Verín ou Laza

A partir das diferentes pezas e tirando de creatividade e inventiva, as nenas e nenos poderán construír cadanseu ‘cubixoguete’ de entroido e personalizalo coas súas cores preferidas neste obradoiro pensado para divertirse e aprender en familia na Cidade da Cultura.

O obradoiro decorrerá na tarde do sábado 26 de febreiro de 17:00 a 18:30 horas. As entradas para participar están dispoñibles en Ataquilla e na billeteira do Museo Centro Gaiás a un prezo de 3 euros por persoa. Todas as persoas participantes (tanto nenas e nenos como adultos) deberán mercar entrada.

Esta actividade está pensada para nenas e nenos de 6 a 10 anos de idade acompañadas dunha persoa adulta responsable que tamén participará activamente no obradoiro.

Imparte: Ana Vidal (WORKHOS)

Ana Vidal estudou Deseño de Produto e Escultura na EASD Mestre Mateo, e o Máster de Profesorado da USC. É doutora en Educación Artística pola USC e o seu proxecto de investigación fala sobre os procesos de ensino e aprendizaxe da plástica tridimensional na ESO. Actualmente compaxina o seu traballo de organización de obradoiros –WORKHOS– para diferentes colectivos, como a Asociación de Altas Capacidades de Galicia ou a aula do Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña, co seu traballo como deseñadora gráfica e de produto no seu propio estudo –KHOS–. Pertence ao colectivo de Creativas Galegas, ademais de ser colaboradora da Asociación Ludantia.

Nas súas propostas, Ana Vidal fai converxer tres aspectos elementais da súa persoa: o seu “eu docente”, que non perde de vista o contexto educativo, o seu “eu artista e profesional”, que lle facilita crear situacións de aprendizaxe activas conectadas coa vidae e o seu “eu nena”, que non entende a aprendizaxe desconectada do xogo, nin concibe o paso do tempo con aburrimento, nin a vida sen felicidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *