Paloma Castro chama á Xunta a cofinanciar a rehabilitación do Convento de Santa Clara en Pontevedra

Pide ao goberno galego que asuma, como mínimo, a metade do investimento para a recuperación deste inmoble, xa que “o compromiso da Xunta co patrimonio cultural ten que ser irrenunciable”

A parlamentaria pontevedresa Paloma Castro chamou á Xunta a cofinanciar a rehabilitación do Convento de Santa Clara en Pontevedra. Fíxoo, hoxe, a través da presentación dunha pregunta oral ao goberno galego no Pleno do Parlamento.

A dirixente socialista, que puxo en valor este inmoble do século XIII polo seu “valor patrimonial e cultural”, pediu ao goberno galego que asine un protocolo de colaboración co Concello de Pontevedra e a Deputación para complementar ao xa asinado polas dúas institucións para asumir, como mínimo, o 50% do investimento que permita recuperar este ben.

Na primeira visita oficial ao convento, o vicepresidente da Xunta, lamentou a socialista, “evitou confirmar o apoio financeiro da administración autonómica para a rehabilitación deste ben”.

Fronte a isto, Castro incidiu en que “entendemos que a Xunta ten que investir nesta rehabilitación”, como xa fixo noutros lugares de características similares como o Mosteiro de Santa María de Oia, o Convento de San Antonio de Herbón, a Casa Museo de Valle Inclán en Vilanova de Arousa ou as Torres Oeste de Catoira.

“Non é discutible que este inmoble agocha bens que deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo”, sentenciou a socialista tras sinalar que “o compromiso da Xunta co patrimonio cultural ten que ser irrenunciable”.

Neste sentido, Castro reivindicou o valor do convento para as pontevedresas e pontevedreses que viviron “750 anos de misterio” nos que “ninguén sabía que se ocultaba tras eses muros” e agora, dende o 1 de decembro, “é un ben público” cun “valor especial”.

Por último, a socialista lembrou que o Museo de Pontevedra “ten moitas pezas de arte gardadas e sen poder expoñer ao público por falla de espazo”, polo que a rehabilitación deste espazo “permitiría ampliar o museo e que todas as galegas e galegos poidamos desfrutar destes bens que nos pertencen”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.