Planetario da Casa das Ciencias e Aquarium Finisterrae acollerán este sábado actos de homenaxe a Rosalía de Castro

O acuario acollerá, se as condicións meterolóxicas así o permiten, unha sesión de observación astronómica na terraza exterior para recoñecer as estrelas e constelacións máis típicas desta época do ano

O Concello da Coruña, a través da Casa das Ciencias e o Aquarium Finisterrae, instalacións pertencentes ao servizo municipal de Museos Científicos, impulsará desde esta fin de semana unha serie de actos en homenaxe á figura da escritora galega Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837), coincidindo co Día de Rosalía de Castro que se conmemora cada 23 de febreiro, a data de nacemento da poeta.

Neste sentido, e durante toda a semana, a Casa das Ciencias adicará uns minutos en todas as súas sesións do Planetario, entre os días 19 e 27 de febreiro, a ensinar aos asistentes a situar no ceo a estrela que leva o nome da escritora galega, encadrada nos anos do Rexurdimento e autora de recoñecidas obras como Cantares gallegos, Follas novas e En las orillas del Sar.

Ademais, durante as sesións previstas no Planetario da Casa das Ciencias repartirase entre os asistentes un planisferio dos dous hemisferios, norte e sur, coas constelacións en galego. O planisferio está editado pola Agrupación Astronómica Ío.

Por outra banda, e tamén en colaboración coa Agrupación Astronómica Ío, o Concello da Coruña programou unha sesión de observación astronómica na terraza exterior do Aquarium Finisterrae, co obxectivo de que o público asistente aprenda a recoñecer as estrelas e constelacións máis típicas desta época do ano. Inicialmente, está previsto que a sesión se leve a cabo o venres 25 de febreiro, se as condicións meteorolóxicas así o permiten. Por iso, a confirmación da data final de celebración notificarase nos vindeiros días.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.