Presentado o proxecto das 50 vivendas de alugueiro social en Xuxán

A Xunta de Goberno Local celebrada este mércores aprobou a solicitude ao Instituto Galego da Vivenda e Solo da cualificación como vivendas de promoción pública do proxecto de vivendas promovidas polo Concello no barrio de Xuxán. En total, son 50 vivendas que cumpren cos maiores estándares de sostibilidade e contarán co certificado correspondente

“Hoxe podo adiantar que o proxecto do edificio xa está listo, o que nos permitirá licitar a obra este mesmo ano”, apuntou a alcaldesa Inés Rey na rolda de prensa na que deu conta dos asuntos tratados durante a XGL. O proxecto encargado polo Concello e xa finalizado, especifica que no edificio haberá vivendas de 2 e 3 dormitorios, na súa maioría con terraza, e hortos individuais de 2 metros cadrados na cuberta para uso dos residentes.

As vivendas darán a dúas rúas, favorecendo a ventilación cruzada, e deseñarase tamén unha praza axardinada dentro da parcela cun aparcadoiro para 50 bicicletas, unha por vivenda. No proxecto, como sinalou Inés Rey, hai previstas tamén varias vivendas adaptadas e un axardinamento vertical na fachada do edificio que contará con plantas e árbores autóctonas regadas mediante un sistema de aproveitamento da auga da chuvia.

“O noso obxectivo é que estas novas vivendas se incorporen ao parque de vivendas municipais en réxime de alugueiro cumprindo co noso compromiso de incrementar o parque de vivendas públicas”, apuntou Inés Rey.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.