Presentado o servizo de cita previa a través da web para os servizos municipais de Lugo

A concelleira de Participación explicou que «as veciñas e veciños de Lugo poderán solicitar cita a través da rede, reducindo a carga de chamadas que acolle o 010»

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López e o Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo presentaron o sistema de cita previa para os servizos municipais a través da web, que comeza a funcionar hoxe. Cristina López explicou que «a veciñanza de Lugo poderá solicitar cita a través da web do concello, reducindo a carga de chamadas que cada día recibe o 010 para solicitar cita para os servizos», e engadiu «a cita previa telefónica continuará activa para facilitar o acceso ao Concello a todas as que non se desenvolvan ben coa tecnoloxía».

O sistema de cita previa está dispoñible para os servizos de Augas, Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro, Tarxeta Cidadá e Tesourería. Para solicitar a cita, deberase iniciar o procedemento a través do formulario habilitado na web concellodelugo.gal, seleccionando o servizo ao que se dirixe e o tipo de trámite a realizar, e escoller a data e hora desexada para presentarse no Concello. Despois deberanse cubrir os datos persoais da solicitante, incluíndo un teléfono de contacto e un correo electrónico, medios aos que chegará unha mensaxe confirmando a reserva da cita.

A través do mesmo trámite da web do Concello, pode eliminarse unha cita solicitada previamente, liberando a hora para que outra persoa poida asistir a realizar un trámite nese momento.

Cristina López afirmou que «queremos facilitar á veciñanza o acceso aos trámites presenciais no concello, reducindo a carga de chamadas que atende o 010, garantindo que todas as persoas poidan ser atendidas de maneira fluída e sen retrasos».

En resposta ás preguntas dos medios, Cristina López explicou que desde a área de Participación «contactamos con todos os servizos que contan con atención ao público para facilitarlles o acceso á cita telemática», e engadiu «algúns servizos decidiron non participar debido á especificidade da atención ao público que ofertan, mais no caso de querer unirse á cita previa telemática, temos todo preparado para que en 24 horas aparezan no sistema».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.