Preto de 1.400 estudantes da Coruña participarán no programa Itinerarios 2022

Alumnos de cuarto ano de Secundaria do IES Urbano Lugrís descubriron hoxe os principais enclaves do Modernismo coruñés. Este ano, como novidade, haberá unha ruta que dará a coñecer a figura de María Casares

Uns 1.400 estudantes de centros educativos da cidade participarán desde hoxe no programa municipal Itinerarios 2022, unha actividade impulsada pola Concellaría de Educación para axudar a que o alumnado coñeza de primeira man a historia e algúns dos edificios máis emblemáticos da Coruña mediante actividades de observación. Os itinerarios enmárcanse dentro das accións levadas a cabo polo Goberno de Inés Rey para potenciar a educación pública na cidade.

O programa abrangue itinerarios ideados para alumnas e alumnos en idades que van desde terceiro ano de Primaria ata Bacharelato. Son un total de 12 percorridos de tipoloxía variada, que abordan a nenez de Pablo Picasso na cidade, a historia de Isabel Zendal —a primeira enfermeira do mundo en misión humanitaria— e tamén as localizacións máis emblemáticas do Modernismo coruñés. Ademais, para facilitar que o profesorado e o alumnado dispoñan da posibilidade de traballar e examinar os percorridos na aula antes de levalos a cabo fisicamente, habilitouse a plataforma Smart, que pon a disposición dos e das docentes unha serie de contidos dixitais interactivos como soporte.

O itinerario sobre o Modernismo coruñés, tamén incluido na plataforma Smart, foi percorrido este xoves pola mañá por 23 alumnos de Secundaria do IES Urbano Lugrís. Durante hora e media, os estudantes remontáronse a inicios do século XX, en puntos da cidade como o inicio do Ensanche, a praza de Lugo, a rúa Compostela (onde está situada a Casa Viturro), e tamén a contorna do Pazo de Xustiza. Foi unha sesión orientada a que os asistentes aprendesen a valorar e conservar o patrimonio histórico-artístico da Coruña.

A novidade deste ano: o itinerario ‘María Casares: unha coruñesa en París’
Este ano, coincidindo coa celebración dos cen anos do nacemento da actriz coruñesa María Casares, o Concello da Coruña está a impulsar unha amplia serie de actividades orientadas a dar a coñecer a súa figura, coa intención de que ocupe o lugar que, por xustiza, lle corresponde no imaxinario colectivo da cidade.

Neste sentido, o programa Itinerario 2022 conta, por primeira vez, coa ruta ‘María Casares: unha coruñesa en París’, destinado a alumnas e alumnos de primeiro a cuarto ano de Secundaria, e que percorrerá enclaves emblemáticos da Coruña vencellados á traxectoria de Casares, como o Teatro Rosalía de Castro, a praza do Humor e a Casa-Museo Casares Quiroga. O obxectivo principal é que os estudantes coruñeses coñezan a vida de María Casares na súa contorna máis persoal, paseando polas rúas que ela sentiu como propias durante a súa infancia, aproximando ademais, ao alumnado, a necesidade de divulgar valores como a liberdade, a xustiza e a igualdade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.