SÉS despídese de ‘Liberar as arterias’ o 11 de febreiro no Auditorio de Galicia antes de iniciar a súa xira por América do Sur

SÉS presentará o vindeiro venres 11 de febreiro o seu último traballo, Liberar as arterias, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela

A cantautora desembarcará no recinto cultural para dar a coñecer diante do público compostelán os temas do seu sétimo traballo discográfico, un álbum no que a loita e a reacción fían un relato ateigado de verdade, aprendizaxe e empoderamento, e do que destacan temas himnos como Espiña sen rosa ou propio Liberar as arterias. As entradas están á venda na plataforma dixital Ataquilla.com.

A cita en Santiago de Compostela, que comezará ás 20.30 horas, será o primeiro e último directo que a cantareira ofreza en Galicia neste 2022 antes de emprender a súa nova xira suramericana, LATAMTOUR2022, coa que visitará escenarios de Arxentina, Chile ou Uruguai durante o vindeiro mes de marzo. Así, SÉS comezará o seu tour na outra beira do Atlántico o mércores 9 de marzo no Café Berlín de Bos Aires (Arxentina), para logo visitar o Auditorio Nacional Sodre de Montevideo (12 de marzo), a Sala Studio Theater de Córdoba (17 de marzo) ou o Centro Cultural Plaza de España de Rosario (18 de marzo). A xira tamén incluirá novas citas en Chile (20 de marzo) e Arxentina (concretamente en Mendoza o 21 de marzo).

Porén, antes iniciar a viaxe e logo do exitoso concerto que ofreceu o mes de decembro na Coruña (unha emotiva cita na que se acompañou de banda e revisou algúns dos seus grandes éxitos), SÉS dará a coñecer ao vivo no Auditorio de Galicia Liberar as arterias, un traballo coidado, crú e directo no que rende homenaxe á poeta Luz Fandiño e, musicalmente, segue a evolucionar co seu particular son. A creadora conta cun definido estilo propio, resultante dunha mestura na que conflúen rock’n roll, tradición oral e certa cadencia da canción de autor latinoamericana. Unha combinación na que tamén atopan o seu espazo a súa alma de cantareira e a súa actitude punk como unha irreverencia lúcida e solidamente argumentada.

María Xosé Silvar, SÉS, é unha das grandes referentes do panorama musical galego, dunha consolidada traxectoria discográfica e recoñecida tanto no país coma noutros territorios. Dela salienta o seu carisma e a súa forza persoal, que acompaña dun discurso valente e contundente no que interpela directamente ao público. A súa obra, que ten como eixe a defensa da cultura, da diversidade e dos dereitos dos pobos, sitúa á cantareira como altofalante certeiro que defende as causas e ideais que SÉS acredita como xustas e necesarias.

Para máis información sobre a creadora, pódese visitar www.ses.gal.

Foto portada: Carlos Barcia

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.