Unidas Podemos denuncia no Congreso as verteduras contaminantes de Jealsa á Ría de Arousa

Pide ao Ministerio medidas ante o abandono de funcións por parte da Xunta de Galicia

Unidas Podemos rexistrou unha pregunta no Congreso dos Deputados sobre as verteduras producidas o 29 de xaneiro en Rianxo por parte da empresa Jealsa Rianxeira, dedicada á fabricación e comercialización de conservas de peixe e marisco.

O documento foi asinado polos deputados Antón Gómez Reino e Juan López de  Uralde, por mor da denuncia da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa que indica a morte de varias toneladas de marisco. Este non é un feito illado, debido a que nos últimos 7 meses, puidéronse producir polo menos 27 episodios.

Neste sentido, Gómez Reino criticou a actitude do PP da Xunta de Galicia ao facer oídos xordos sobre estas verteduras contaminantes que conlevan un grave impacto ambiental, xa que o Goberno galego arquivou ata en catro ocasións os expedientes iniciados contra Jealsa. «Feijóo permite constantemente que os seus amigos contaminen Galicia, en lugar de protexer a riqueza das nosas augas», agrega o deputado. Por esta conivencia, a Fiscalía de Medio Ambiente realizou unha inspección e identificou unha «vertedura non autorizada» ao mar por baldeo.

Pola súa banda, o coordinador de Alianza Verde e tamén deputado de Unidas Podemos no Congreso, Juantxo López de Uralde sinalou que «é necesario tomarse en serio a protección do medio ambiente e o territorio en todos os niveis, e non se pode permitir que as empresas contaminen sen que iso teña consecuencias, porque a deterioración ambiental ten un elevado custo en termos ecolóxicos, sociais e económicos». E pediu que a Xunta sexa valente á hora de esixir responsabilidades para que casos así non se volvan a repetir.

A investigación concluíu cunha denuncia ao Xulgado de Instrución de Ribeira, onde a fiscal indicou que «a actuación, por efecto acumulativo, podería presentar a entidade suficiente para determinar unha alteración substancial da calidade das augas; tendo ademais a conduta que describen os denunciantes un compoñente subxectivo  doloso á vista da reiteración das verteduras e constando a existencia dunha sanción previa así como a incoación de múltiples expedientes sancionadores».

Unidas Podemos pediu ao Ministerio os datos sobre as verteduras contaminantes por parte de Jealsa así como os impactos económicos producidos polos mesmos. «Debemos garantir a protección ambiental da Ría de Arousa e as actividades do sector pesqueiro e marisqueiro, do que dependen tantas familias en Galicia, e sobre todo, que poden impactar directamente na saúde das persoas», sostén Gómez Reino.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.